Recreación da Pena Molexa

Recreación da Pena Molexa

A colaboración entre o Concello de Narón e a Asociación de Veciños Os Irmandiños permite desenvolver cada ano no lugar de Vilasuso, na parroquia do Val, a tradicional representación das lendas da Pena Molexa.

O prehistórico megálito galego localizado na zona, xunto ao castro de Vilasuso, é o eixo arredor do que ten lugar unha representación teatral na que os veciños e as veciñas do Val xogan un papel fundamental. Vestidos para a ocasión, coincidindo co solsticio de verán, na noite de San Xoán os cidadáns poñen en escena dúas lendas, unha protagonizada por unha moura –que se lles aparece a uns mozos xunto a unha rocha, cun tesouro- e outra por un rei e un grupo de guerreiros –convertidos en penedos pero que por un día se transforman en persoas para coidar das xentes do lugar-. A recreación das lendas da Pena Molexa recupera na parroquia do Val os feitizos, cargados de maxia nesta noite que se desenvolve nun contorno inmellorable.

Historia e patrimonio arqueolóxico centran este evento cultural e festivo, no que non faltan as degustacións gastronómicas, a música e os xogos populares. Esta celebración compleméntase cunha serie de actos que se desenvolven durante varios días, entre os que cabe destacar un roteiro cicloturista para coñecer o patrimonio da parroquia e unha andaina solsticial entre o convento de Baltar e a Pena Molexa. En definitiva, trátase dunha serie de actos cos que o Concello de Narón e a entidade veciñal Os Irmandiños apostan por manter máis viva que nunca a intensa actividade desta parroquia, recuperando costumes dos nosos devanceiros e implicando á veciñanza nun evento cuxa orixe se remonta aos tempos celtas.