Aberto o prazo de presentación de imaxes ao “XI Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

mércores, 16 de Setembro de 2020

As fotografías poden ser de temática social, reflectir espazos naturais e outros elementos do patrimonio histórico e cultural do concello

Segundo posto na pasada edición (Marcos López Alonso)

O Concello mantén aberto dende este luns, e ata o vindeiro 25 de setembro, o prazo para presentar imaxes á undécima edición do “Concurso de Fotografía Cidade de Narón”. As persoas que desexen participar poden consultar as bases ao completo do certame neste enlace. A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, recordou que se entregarán tres premios, de 750, 300 e 150 euros á primeira, segunda e terceira fotografía, respectivamente, mellor valoradas por un xurado especializado. As imaxes deben presentarse no Rexistro do Concello, de luns a venres, entre as 8.30 e as 13.00 horas.

As fotografías deben amosar a riqueza de Narón, podendo centrarse en varias áreas a súa temática: humana e social —ámbito veciñal, deportivo, industrial, festas populares…—; espazos naturais de interese, de lecer, culturais e tecnolóxicos ou patrimonio monumental, arqueolóxico e etnográfico. O lugar ou entorno debe ser do concello naronés e recoñecerse como tal na imaxe presentada ao certame, que está aberto á participación de persoas maiores de idade. Como máximo cada participante poderá presentar tres imaxes, en cor ou branco e negro, que deben cumprir todos os requisitos estipulados nas bases desta convocatoria, tal e como apuntou Hermida.

O xurado valorará o impacto visual, a calidade técnico artística e a creatividade con ata un máximo de 10 puntos —cada un destes criterios—. As doce imaxes que reciban maior puntuación ilustrarán o calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o ano 2021.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame poden dirixirse ao correo electrónico am.veiga@naron.es ou chamar ao número de teléfono: 981 337 700 (extensión: 1502).