As lontras

Londras no río

A lontra é un animal esquivo, e o máis probable é que só vexamos as evidencias da súa existencia ou ben nas súas pegadas ou ben nos seus excrementos.

A lontra é un animal esquivo, e o máis probable é que só vexamos as evidencias da súa existencia ou ben nas súas pegadas ou ben nos seus excrementos. Precisa augas limpas e ecosistemas ben conservados para poder vivir. En Galicia aínda conserva poboacións estables.

Está perfectamente adaptada á vida no río. O corpo en forma de fuso, as pequenas orellas para reducir reducir a resistencia á auga, as patas traseiras palmeadas e a súa cola aplanada como un temón son algunhas das adaptacións deste mamífero. Teñen fama de ser moi rebuldeiras; xogan entre individuos da mesma especie para fortaleceren os vencellos entre os membros da familia. Para adestraren, poden xogar con pedras, escorregando polos tobogáns... Caza peixes á noitiña, sorprendéndoos ou eliminando os individuos vellos ou enfermos, pero tamén se alimenta de ras, sapos, toupas, cangrexos, ratas de auga. Pode chegar a vivir ata 15 anos.

Se imos en silencio e a sorte nos permite ver este mamífero acuático, unha perfecta máquina de nadar, mergullar e pescar, entón seguro que non o esqueceremos na vida.

Sabías que a lontra pode chegar a nadar a unha velocidade de 11 km/hora, cando un nadador olímpico só chega a uns 7 km/h, e aguantar debaixo da auga ata 4 minutos.