Noite da Luz de Sedes

Noite da Luz

A parroquia de Sedes acolle cada mes de decembro a festividade coñecida como a "Noite da Luz", unha cita tradicional no calendario festivo da localidade que organizan o Padroado da Cultura de Narón e a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes.

A convocatoria comezará coa chegada da noite, coa saída da “Comitiva da Luz” portando candeas desde a capela de Santa Lucía –nas inmediacións da Feira do Trece- ata o cumio do monte Esperón, por un tramo de aproximadamente un quilómetro. Esta celebración convócase co fin de festexar dun xeito moi particular a chegada do solsticio de inverno, que coincide coa onomástica de Santa Lucía (13 de decembro) e co día de menos luz do ano.

Como é habitual nesta cita, unha vez no monte Esperón os asistentes a esta peculiar procesión nocturna acenden trece fachos de grandes dimensións dispostos en forma de círculo, en representación de cada unha das parroquias de Narón, no que constitúe o que se coñece como o prendido da “roda da luz”. Unha vez acendidos, os fachos son visibles desde diferentes puntos do municipio. 

Tras a “roda da luz” a programación continúa habitualmente no centro cívico social de Sedes, onde se serve un petisco comunitario e hai unha representación teatral a cargo da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes. 

A música pon fin a este evento festivo cunha repichoca aberta de música e baile tradicionais no centro cívico social de Sedes.

Este acto representa o compromiso do Padroado da Cultura de Narón e da entidade veciñal Rosa dos Ventos coa defensa do patrimonio cultural, á vez que constata a súa aposta pola súa protección e posta en valor.