Noites no mosteiro de San Martiño de Xuvia

O mosteiro de San Martiño de Xuvia, na parroquia do Couto, é un dos elementos máis valiosos do patrimonio eclesiástico localizados no municipio.

Declarado monumento artístico nacional polo Ministerio de Cultura, as súas orixes remóntanse ao románico galego, se ben algúns autores datan a súa construción no ano 789.

A construción foi propiedade da familia Traba, que o doou ao mosteiro de Cluny, pasando de abadía a priorado e, nos últimos tempos, a igrexa.

Coa  finalidade de contribuír á posta en valor deste cenobio, localizado xunto á ría de Xuvia, desde o Concello de Narón programáronse nos últimos tempos varias actividades cun marcado carácter cultural.

A iluminación nocturna desta grandiosa construción de pedra, parcialmente rehabilitada hai uns anos, e a música instrumental constituíron en varias ocasións a combinación idónea para desenvolver unha xornada na que gozan veciñanza e visitantes.