Oenach Atlántico

O Oenach Atlántico que cada ano se celebra a finais do mes de xullo na parroquia de Sedes é un dos eventos festivos máis característicos do municipio naronés.

Declarado Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia no ano 2014, o Oenach Atlántico recupera o modo de vida castrexa nun contorno inmellorable na localidade, a campa do Trece. 

O Padroado da Cultura de Narón organiza e colabora coa Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes, na organización desta convocatoria. A implicación dos veciños, maioritariamente da parroquia pero tamén doutras zonas do municipio, é fundamental para manter e mellorar ano tras ano este evento. Veciños e visitantes volven durante a fin de semana aos tempos castrexos e recuperan traballos como o traballo do coiro, o torneado de madeira, a elaboración de barro, a fabricación de pan, a tecedura de la e moitos outros propios dos nosos devanceiros. 

Os xogos populares e a música forman tamén parte da programación deste recoñecido evento, cun marcado carácter tradicional. Como non podía ser doutro xeito, o Oenach ten tamén un apartado gastronómico, para que veciños e visitantes poidan degustar algúns pratos cociñados de modo artesanal.

Cabe subliñar que unha das citas ineludibles cada ano no Oenach Atlántico de Sedes é a “Noite do Castro”. A veciñanza da parroquia encárgase de redactar e interpretar unha obra teatral para festexar esta cita.