Os Maios

A veciñanza de Narón implícase activamente ano tras ano na festividade dos Maios, que se conmemora cada segunda fin de semana do mes de maio.

Hai que remontarse ao século XIX para ver como se recuperou en moitas cidades galegas esta tradición festiva con orixe na Prehistoria e que se concibiu para celebrar a chegada da primavera.

No caso de Narón os veciños e veciñas elaboran os seus propios maios, nas asociacións, entidades do municipio e tamén nos centros escolares, onde o alumnado participa, ao igual que nas A.A.V.V., nas unidades didácticas dos Maios.

O Padroado da Cultura de Narón ten un papel moi activo nesta cita na que a entidade veciñal Areosa, da parroquia de Piñeiros, centra a programación deseñada anualmente para esta celebración. 

As flores e a vexetación son, xunto con algunhas froitas, en varios casos, os elementos cos que se elaboran os maios, unhas pezas artesanais, cunha estrutura cónica ou en forma de diversas figuras, que os veciños e veciñas adornan para a ocasión. A celebración inclúe a elaboración dun tapiz floral, cun motivo diferente cada ano, no que participan todas aquelas persoas interesadas en colaborar e tomar parte activa na festa dos Maios que se celebra en Piñeiros.