As ribeiras do Río Xuvia

Chegada do Río Xuvia á Ría de Ferrol. Imaxe de Marcos Freire Formoso, participante no V Concurso de Fotografía "Cidade de Narón". Ano 2014. Autor: Marcos Freire Formoso

Este espazo natural, chamado LIC (lugar de interese comunitario) Xuvia-Castro, incorporouse á Rede Natura 2000 no ano 2001, e ten unha extensión dunhas 2.000 ha. Os LIC ou lugares de interese comunitario é un conxunto de espazos naturais a nivel europeo que pretende protexer e conservar aqueles lugares con valores naturais especialmente importantes.

Este espazo comprende o tramo medio e baixo do Xuvia e o seu afluente Castro e subafluente Cando, así como a serra de Forgoselo. Os seus principais valores están relacionados coa boa conservación do bosque de ribeira, mantendo nos seus territorios especies moi importantes.

O río Xuvia nace nos montes de Tafornelos, a uns 480 m de altitude, no Concello das Somozas. No seu camiño ata a desembocadura na ría percorre 31 km. sinuosos, nos que se incorpora, á altura do Concello de Narón, ao río Castro, o máis importante dos seus afluentes.

O caudal medio do Xuvia é forte: 3,4 m3/seg, que proveñen das choivas invernais; no verán prodúcese unha redución deste, sobre todo de agosto a setembro. Este caudal correspóndese cun clima oceánico ou húmido, cunha media de chuvia de 1.388 mm.

A súa cunca hidrográfica ten unha extensión de 182 km2.

Os valores máis importantes da ribeira fluvial son tanto a nivel natural (a vida nas augas neste ecosistema de ribeira) como a nivel sociocultural (aproveitamentos tradicionais ou actuais, arquitectura popular, tradicións, lendas...), e froito da convivencia durante moitos séculos entre as actividades humanas e a natureza.

Toda esta fonte de riqueza e diversidade precisa tamén afondar na importancia da conservación destes espazos como garante da boa saúde do medio natural e social e da nosa propia calidade de vida.