Romaría da Virxe da O

A capela da O, na parroquia de Pedroso, convértese cada ano, no mes de maio, nun lugar de visita ineludible para celebrar a romaría da Virxe da O.

Centos de devotos acoden a esta pequena ermida cada ano e moitos deles secundan unha histórica tradición que consiste en chegar a pé á capela. Os romeiros parten nun grupo desde o mosteiro do Couto cara á igrexa, xuntándose antes de chegar a Pedroso con outros devotos que camiñan desde a parroquia do Val e incluso do veciño concello de San Sadurniño. Para premiar o seu esforzo reciben ao remate do percorrido unha “O”, a modo de compostelá, na que se acredita que realizaron a peregrinación.

Ao longo da mañá celébranse varias misas –tamén hai unha en horario de tarde- e media hora antes da última programada antes do xantar celébrase a procesión dos roscos de pan desde o local social da Pombiña ata o campo da festa. Os roscos elabóranse uns días antes no muíño de Pedroso e os visitantes poxan por eles tras a celebración da procesión de mediodía. Un xantar popular nas inmediacións da capela e a música completan esta cita festiva, cun marcado carácter relixioso e que reúne en Pedroso a moitos devotos e devotas da Virxe da O.