Aberto o prazo de inscrición no curso “Covid-19: Camiño Inglés, Camiño Seguro” convocado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés

luns, 7 de Decembro de 2020

As prazas están limitadas a un máximo de 25 persoas por sesión, o horario será de 16.00 a 20.00 horas e haberá un descanso.

Camiño Inglés no Concello de Narón

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, da que forma parte Narón, convoca o curso “Covid-19: Camiño Inglés, Camiño Seguro” dirixido a profesionais do sector hostaleiro, albergues e aloxamentos localizados no tramo do Camiño Inglés e tamén a persoal dos concellos con competencias no Camiño ou en Turismo. A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, explicou que o obxectivo desta convocatoria, na que colabora a Deputación da Coruña, é “ofrecer ás persoas que acudan a información necesaria para coñecer e poder implantar os plans de continxencia fronte á pandemia da Covid-19”.

As sesións impartiranse no Pazo de Mariñán, no concello de Bergondo, o vindeiro xoves, día 10, e os días 14 e 15 deste mes, podendo anotarse, de balde, só nunha delas. O biólogo e técnico superior en Prevención de Riscos Laborais Damián Cuadrado será a persoa encargada de impartilas. As prazas están limitadas a un máximo de 25 persoas por sesión e o horario será de 16.00 a 20.00 horas e haberá un descanso, tal e como se indicou dende a organización.

Hermida explicou que para anotarse nestas convcatorias hai que enviar un correo electrónico ás direccións: formacion@intectoma.com ou formacionline2@intectoma.com ou chamar aos números de teléfono 635 573 214; 699 907 566; 881 966 033, solicitando a participación e facilitando o nome, apelidos e DNI da persoa que realizará o curso e tamén o establecemento ao que pertencen e o día que queren asistir.