Aberto o prazo de inscrición no Duatlón Cidade de Narón que se celebrará na cidade o 3 de marzo

xoves, 21 de Febreiro de 2019

A alcaldesa, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, deron a coñecer onte o programa do Duatlón Cidade de Narón, clasificatorio para o campionato de España, tal e como apuntou a alcaldesa.

A cita, explicou Ferreiro, terá lugar o vindeiro 3 de marzo con saída e meta na rúa Camiño da Praia –que comunica o Centro Comercial Odeón co pavillón polideportivo da Gándara-, e conta coa colaboración das Federacións Española e Galega de Triatlón.
    
O presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, explicou que o evento constará de tres probas, unha de élite, clasificatoria para o campionato de España, á que acudirá xente de varios concellos do país; outra a nivel galego e unha terceira para promocionar o duatlón para menores de 10 e 11 anos. A proba de élite masculina sairá ás 12.00 horas, a feminina ás 12.05 e a de prebenxamíns ás 11.45. A carreira a pé será na zona da Gándara, polas inmediacións do Centro Comercial Odeón, e o percorrido en bici pola zona da Trincheira, “nun circuíto espectacular donde se poderán alcanzar grandes velocidades debido ao trazado”, según avanzou Guerrero. O percorrido dos prebenxamíns sairá tamén das inmediacións do Centro Comercial Odeón.
    
A alcaldesa avanzou que o prazo de inscrición rematará o vindeiro martes, 26 de febreiro, e animou ás veciñas e veciños da cidade e doutros concellos a apuntarse, a través da Federación Galega de Triatlón www.fegatri.com ou da Agrupación Deportiva Náutico de Narón www.nauticonaron.com e desfrutar do evento competindo ou como público, animando aos deportistas.
    
Ferreiro agradeceu o esforzo do clube naronés na organización deste evento e tamén o traballo que realiza na cidade. Pola súa parte, Guerrero, destacou a colaboración e confianza prestadas desde o Concello e as Federacións Española e Galega de Triatlón, para a organización deste evento.