Aberto o prazo para inscribirse na primeira andaina do programa municipal “Ponte en ruta con nós”

martes, 19 de Abril de 2022

Narón, 18 de abril de 2022. As persoas que desexen asistir á primeira das andainas da nova edición do programa municipal “Ponte en ruta con nós” poden anotarse hoxe, mañá e o mércores –ata esgotar as prazas dispoñibles, un total de 150- nas oficinas do Padroado de Deportes (estrada da Gándara, 148), de 8.30 a 13.00 horas.

O prezo por persoa é de cinco euros e poderán asistir menores de idade no caso de que vaian acompañados polo pai/nai, ou titor/a.

O edil de Deportes, José Oreona, indicou que a cita terá lugar o vindeiro domingo, día 24, cun percorrido duns doce quilómetros polo Camiño Inglés, o mosteiro do Couto, a rúa Cornido, a zona da Picota e o parque do Couto. “Paseando por Narón” é o título desta primeira convocatoria, na que os participantes sairán ás 9.30 horas do pavillón polideportivo municipal da Gándara, que será tamén o punto de chegada unha vez realizado o percorrido. 

O programa “Ponte en ruta con nós” continuará nos meses de maio e xuño. No primeiro caso, o día 29 terá lugar a andaina “Pena Molexa e Monte da Lagoa”, con saída do Centro Cívico Social do Val ás 9.15 horas, para percorrer a zona da Pena Molexa, Pena Lopesa, o Campo do Avial, o Casal e o Monte da Lagoa, en total un tramo duns doce quilómetros. As persoas interesadas en inscribirse deberán facelo os días 23, 24 e 25 de maio nas instalacións do polideporivo da Gándara.

 A terceira das andainas programadas nesta edición será o 26 de xuño pola “Ruta dos muíños”, con saída ás 9.30 horas do mosteiro do Couto. O percorrido é duns 10,5 quilómetros, entre o citado mosteiro e a área recreativa de Pedroso, dispoñendo de servizo de autobús para trasladar aos participantes ao remate da andaina de novo ata o cenobio do Couto. Os días 17, 20 e 21 de xuño poderán tramitarse as inscricións.