Adrián Fontela Loureda, veciño de Ferrol, gaña o primeiro premio do “IX Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

xoves, 25 de Outubro de 2018

A fotografía “Concentricación”, do ferrolán Adrián Fontela Loureda, veciño de Ferrol, resultou a gañadora do primeiro premio da novena edición do Concurso de Fotografía Cidade de Narón, dotado con 750 euros. 

O xurado concedeu á súa imaxe, realizada no interior das instalacións da Biblioteca municipal, a puntuación máis elevada do certame, 24,8 puntos. O segundo premio foi para Rafael Saura Rodríguez, de Narón, pola fotografía “A Pena Molexa e as estrelas” e o terceiro para Marcos López Alonso, tamén de Ferrol, por “Terra de Cultura”, que recibirán 300 e 150 euros respectivamente. A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, felicitou aos gañadores deste certame e agradeceu a participación de tódalas persoas que se presentaron a esta edición, “porque reflectiron moitos espazos da nosa cidade que, máis ou menos recoñecidos noutros concellos, forman parte da nosa cultura, do noso patrimonio e da nosa historia”.

A calidade técnico-artística, a orixinalidade e o grao de representatividade do Concello foron os parámetros que puntuou o xurado, do que formaron parte catro fotógrafos profesionais: Kiko Delgado, de El Correo Gallego; Jesús Taboada, de F64 Fotografía; Carlos Carballeira, de Carlos Carballeira Fotografía, e María José Bouza, de Piñeiros Fotografía. As puntuacións das vinte e catro imaxes valoradas, das 140 presentadas a esta edición do certame, pódese consultar na acta publicada na páxina web do Concello de Narón, a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/Acta_Concurso_Fotografia_2018.pdf

A maiores das tres imaxes premiadas, as nove que obtiveron as puntuacións máis altas formarán parte do calendario de sobremesa que cada ano edita o Concello de Narón, tal e como recordou a concelleira de Turismo.

O acto de entrega simbólica dos premios terá lugar a vindeira semana no Concello, avanzou Natalia Hermida. “A maiores de felicitar aos premiados nesta edición do concurso quero agradecer especialmente a todas as persoas que se presentaron o feito de adicar unha parte do seu tempo e do seu traballo a este certame centrado na nosa cidade”.

As doce imaxes que formarán parte do calendario de sobremesa poderanse ver a partir de hoxe na páxina web do Concello de Narón.

Foto gañadora do 2º Premio:

Foto gañadora do 3º Premio: