A alcaldesa anunciou a apertura do prazo para participar no Concurso de elaboración da “Tarta de Narón”

mércores, 29 de Setembro de 2021

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou a apertura do prazo, o venres 24 de setembro, para presentarse ao concurso organizado polo Concello para elaborar a “Tarta de Narón”.

As persoas interesadas en participar deben presentar as súas propostas en trinta días naturaiscontados a partir do 24 de setembro-, podendo consultar as bases ao completo a través do seguinte enlace: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/09/20/2021_0000006884.pdf . Os trámites poden realizarse dende as 00.00 horas do 24 de setembro a través da Sede Electrónica de Narónsedeelectronica.naron.es- no apartado de Actividades-Concursos.

Poden participar as persoas maiores de idade, profesionais da pastelería, restauración e, en xeral, do mundo gastronómico que estean empadroados/as no Concello de Narón con actividade profesional noutro concello nos últimos dous anos ou con actividade profesional no concello de Narón nos últimos dous anos. Nas bases especifícase que a elaboración debe ser de produción propia, podendo cada participante presentar unha única tarta e debendo ter como ingrediente protagonista as noces.

Entre as características da Tarta de Narón tamén está que teña un peso de entre 800 gramos e un quilo, que entre nun embalaxe cunhas dimensións específicas, que se poida transportar sen refrixeración e que teña un período de conservación superior a dez días.

O concurso repartirá 2.100 euros en premios, concedéndose 1.200 á persoa que elabore a tarta que seleccione o xurado como gañadora e 600 e 300 ás que reciban a segunda e terceira mellor puntuación, respectivamente. O aroma e sabor, o emprego de produtos da contorna, o aspecto visual, a orixinalidade da proposta e a orixe cultural ou etnográfica da proposta son os aspectos que valorará o xurado. En canto á composición do mesmo, integrarano: unha cociñeira ou cociñeiro profesional, unha pasteleira ou pasteleiro, un profesional da área de Formación e un representante do Concello, este último con voz pero sen voto.