A alcaldesa asinou no Concello con Santiago Otero a cesión da receita orixinal para a elaboración da “Tarta de Narón”

martes, 9 de Maio de 2023

A alcaldesa, Marián Ferreiro, entregou a notificación na que se acepta a cesión gratuíta e en exclusiva da receita orixinal proposta por Otero para elaborar a “Tarta de Narón”. 

No acto estiveron tamén presentes a concelleira de Turismo, Natalia Hermida e a muller e a filla de Santi Otero, Ana Rodríguez, artífice o cen por cento da receita, e Lucía Otero, pasteleira no obrador familiar e que xunto co seu irmán Santi Otero tamén se implicou neste proxecto.

“É un acto moi especial para nós e quero agradecer en primeiro lugar a xenerosidade de Santi Otero e a súa familia por esta cesión, porque é un dobre orgullo que esta receita sexa dun obrador da nosa cidade”, destacou Ferreiro. A alcaldesa incidiu na importancia desta elaboración a nivel gastronómico e tamén como reclamo turístico e avanzou que a previsión inicial é poder comercializar a tarta este mesmo verán.

Pola súa banda, Santi Otero recordou que non chegaron a tempo á convocatoria realizada no ano 2021 pero a súa muller continuou traballando na receita e “cando creímos que cumpría todos os requisitos propuxemos a cesión da receita ao Concello”. Destacou a importancia de que o ingrediente principal é a noz e que pode ter “un amplo abano de comensais ao utilizar ingredientes sen glute nen lácteos”.

Para este proceso de elaboración, tal e como avanzou Ferreiro, unha vez que se aprobe no pleno municipal o regulamento –inicialmente este mes e despois estará un mes a exposición pública- abrirase un prazo para que os obradores elaboradores interesados, de Narón ou doutros concellos, poidan asistir a unha sesión formativa na que explicarán e elaborarán a receita paso a paso. Cando se aprobe definitivamente o regulamento no pleno abrirase un segundo prazo para que os obradores elaboradores que participasen na formación soliciten ao Concello o uso da marca Tarta de Narón para comercializar o produto nos seus establecementos. Ao mesmo tempo despachos e outros establecementos comerciais que cumpran os requisitos do regulamento poderán solicitar a súa comercialización. 

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, asegurou que este doce “vai significar moito para esta cidade, sabiamos que era unha necesidade e levamos tempo traballando tanto no proxecto en si como na súa imaxe corporativa e regulamento”.

A rexedora local recordou o proceso iniciado dende o Concello para contar cun produto gastronómico representativo de Narón. Con esa finalidade tramitouse e obtívose a titularidade do rexistro de marca para o distintivo “Tarta de Narón”, concedido en xullo de 2021 pola Oficina Española de Patentes e Marcas e cunha validez inicial de dez anos. Ao concurso de ideas convocado para elaborar este produto concorreron dúas propostas pero o xurado declarouno deserto por unanimidade ao considerar que ningunha das dúas tartas presentadas cumpría o obxectivo establecido para ser considerada como tarta representativa do Concello.

En marzo deste ano, o reposteiro Santiago Otero, presentou no Rexistro do Concello unha instancia ofrecendo unha cesión a modo gratuíto e en exclusiva dunha receita orixinal para preparar unha tarta que non se comercialize na actualidade e os seus dereitos de explotación a favor do Concello de Narón. Posteriormente nomeouse un comité de valoración para determinar se a elaboración cumpría os estándares establecidos. 

A empresaria gastronómica Lucía Freitas e o profesor técnico de Formación Profesional de Cociña e Pastelería Manuel Cordido emitiron unha valoración positiva da receita presentada por Santiago Otero. Na mesma especificaron que “é gustosa, cunha textura agradable onde resalta o sabor das noces como ingrediente principal e de fácil réplica para os diferentes obradoiros interesados na súa elaboración e comercialmente viable no seu prezo final. Polas súas características de durabilidade e que non precisa refrixeración pode considerarse doce de viaxe”. 

Polo tanto, o xurado indicou que a receita cumpre os obxectivos e confirma a idoneidade da proposta presentada por Santiago Otero para considerar a tarta como “representativa do Concello de Narón”, o que concluíu na sinatura da cesión da receita que tivo lugar no Consistorio.