A alcaldesa e a concelleira de Turismo entregaron onte os premios do “X Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

mércores, 27 de Novembro de 2019

As doce imaxes mellor valoradas polo xurado ilustrarán un calendario de sobremesa que as veciñas e veciños poderán recoller en decembro.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, entregaron onte pola mañá no Concello os premios correspondentes ao “X Concurso de Fotografía Cidade de Narón”. Foi un veciño de Narón, Daniel Lois Otero, o gañador do primeiro premio, dotado con 750 euros, pola imaxe “Lopesa Galáctica”. O segundo premio foi para Marcos López Alonso, de Ferrol, por “Lavorando na feira”, que obtivo 300 euros, e o terceiro para Alberto Leiras Cabanillas, que gañou 150 euros pola imaxe “O meigo da Pena Molexa”. Marián Ferreiro e Natalia Hermida felicitaron aos tres gañadores desta edición do certame polo premio e destacaron a calidade das imaxes presentadas ao certame. “Un ano máis, editaremos coas doce imaxes que obtiveron a mellor puntuación do xurado un calendario de sobremesa que, unha vez editado, nos primeiros días decembro poderán recoller os veciños e veciñas no Concello” avanzou a alcaldesa.

Os tres premiados explicaron como e cando realizaron as imaxes presentadas a esta edición do certame e agradeceron o premio recibido por obter as tres mellores puntuacións. Tres fotógrafos profesionais, Carlos Carballeira, Kiko Delgado e Jesús Taboada, formaron parte do xurado que se reuniu no Concello o pasado 29 de outubro para valorar 92 imaxes presentadas –baixo seudónimo- por un total de trinta e catro persoas de Narón e doutros concellos. O impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade foron os aspectos que puntuaron –de 1 a 10- os integrantes do xurado. As persoas que desexen ver as imaxes que ilustrarán o calendario de 2020 poden facelo a través da páxina web do Concello de Narón, a través do enlace: http://www.naron.es/web/cat/gal/Concurso-de-Fotografia.