A alcaldesa presidiu esta mañá a recepción oficial no Concello á cónsul de Cuba en Galicia, Yahima Martínez

venres, 11 de Xaneiro de 2019

Recepción oficial á cónsul de Cuba en Galicia.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá o acto de recepción oficial á cónsul de Cuba en Galicia, no que deu a benvida á cidade a Yahima Martínez. Estiveron tamén presentes portavoces dos grupos políticos da corporación local. No transcurso da reunión os asistentes conversaron sobre a actual situación de Cuba e a cónsul trasladoulles aos representantes da corporación local o seu interese en establecer coa cidade lazos a nivel económico, social e cultural.
    
Martínez, que accedeu ao cargo en setembro do ano pasado, abordou o cambio de xeración no país e o traballo realizado polo presidente Miguel Díaz Canel e explicoulles tamén aos políticos locais o novo proxecto Constitucional de Cuba, que, asegurou, varía nun 75% o actual documento e que contou cunha ampla participación por parte dos residentes do país. O traballo na área económica é prioritario para Cuba, tal e como apuntou a cónsul, que incidiu en que “os investimentos son un tema prioritario e tamén o apoio institucional, para dar a cuba a confianza que precisa e a fortaleza do empresariado español”. 

A cónsul convidou aos representantes da corporación local a establecer unha serie de lazos culturais e empresariais entre Cuba e Narón. En materia cultural a cidade, a través do Padroado da Cultura, colabora desde hai varios anos coa Universidade Ciego de Ávila, que participa habitualmente no Festival Internacional de Foclore que cada mes de xullo se celebra no Pazo da Cultura.

A alcaldesa fíxolle entrega a Martínez duns agasallos institucionais do Concello que a cónsul agradeceu. Antes de abandonar a cidade Yahima Martínez asinou no Libro de Ouro de Narón.