A Asociación de Concellos do Camiño Inglés convoca o “I Concurso de Fotografía Dixital Camiño Inglés”

xoves, 3 de Xuño de 2021

O prazo deste concurso, que reivindica os bens patrimoniais e paisaxísticos do Camiño Inglés, manterase aberto ata o vindeiro 10 de xuño.

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, recordou que a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, da que forma parte Narón, mantén aberto o prazo para participar no Concurso de Fotografía Dixital sobre o Camiño Inglés. Esta iniciativa, dirixida tanto a afeccionados como a profesionais da fotografía, ten entre os seus obxectivos “difundir e poñer en valor o Camiño Inglés cara a Compostela, de xeito que a través das imaxes se incremente a visibilidade dos bens patrimoniais e paisaxísticos desta ruta xacobea no trazado tanto de Ferrol como da Coruña”, indicou Hermida.

    As persoas interesadas en participar deben enviar as súas fotografías –un máximo de tres- ata o vindeiro 10 de xuño por correo electrónico, á dirección: info@caminoingles.gal; subíndoas co hagstag #fotocaminoingles ou facendo mención de participación ao Grupo de Facebook da Asociación de Concellos do Camiño Inglés: facebook.com/groups/caminoinglesoficial ou a través de  Instagram, mediante unha mensaxe privada facendo mención de participación: instagram.com/caminoinglesoficial/.

    Elixiranse como finalistas 21 imaxes, simbolizando o Ano Santo Xacobeo, e as obras gañadoras anunciaranse o vindeiro 19 de xuño, coincidindo co evento “Primavera no Camiño”, en Ferrol. Os premios consistirán en bonos canxeables en establecementos de aloxamento e restauración da “Rede Stelar”, por un importe de 150 euros o primeiro; de 100 o segundo e de 50 o terceiro.

    As bases ao completo do certame poden consultarse no enlace: https://www.caminoingles.gal/i-concurso-de-fotografia-dixital-o-camino-ingles/