A concelleira de Turismo entregou os premios do "VIII Concurso de Fotografía Cidade de Narón"

martes, 2 de Xaneiro de 2018

A concelleira de Turismo de Narón, Natalia Hermida, entregou na maña do 19 de decembro os premios do “VIII Concurso de Fotografía Cidade de Narón”.

A concelleira de Turismo entregou os premios do “VIII Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

A edil desculpou a ausencia da rexedora local, Marián Ferreiro, que finalmente non puido acudir ao acto, e felicitou no seu nome e no do resto de integrantes do goberno local aos gañadores.

A imaxe que obtivo o primeiro premio foi “Freixeiro Blues”, realizada por Juan Casal Mera, veciño de Ferrol, que recibirá 750 euros, e o segundo e terceiro premio foron para as fotografías “Casona San Román” (Casa da Torre) e “Vas a mirarme?”, dos naroneses Francisco Javier Rodríguez Fariñas –recolleu o premio a súa filla Blanca- e José Antonio Serantes Varela, dotados con 300 e 150 euros respetivamente. 

Un total de 139 fotografías presentáronse este ano ao certame no que o xurado, do que formaban parte tres profesionais da fotografía, valorou a calidade técnico artística das imaxes, a orixinalidade e o seu grao de representatividade do concello. A maiores das tres imaxes gañadoras, seleccionáronse outras nove, coas que se ilustra o calendario de sobremesa que editou o Concello para o ano 2018.

Hermida agradeceu aos participantes o seu traballo, incidindo en que “dan a coñecer boa parte do patrimonio e instalacións da nosa cidade” e animounos a continuar en vindeiras convocatorias. “Algúns de vós xa participastes en anos anteriores, e iso tamén é moi importante para nós porque axudanos a que este certame se consolide no tempo”, asegurou a edil de Turismo. Nesta ocasión, ademais de veciños de Ferrol e Narón participaron persoas de Fene, Pontedeume, As Pontes e A Coruña.

As doce imaxes seleccionadas –en función da puntuación do xurado do certame- para o calendario de sobremesa poden verse nesta ligazón: http://turismo.naron.es/gl/galeria