Daniel Lois Otero, veciño de Narón, gañador da décima edición do “Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

xoves, 21 de Novembro de 2019

A fotografía gañadora, "Lopesa Galáctica", foi valorada por un xurado composto por tres fotógrafos profesionais.

O naronés Daniel Lois Otero obtivo o primeiro premio do “X Concurso de Fotografía Cidade de Narón” pola súa imaxe “Lopesa Galáctica”, pola que recibirá 750 euros. Así o anunciou a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, que explicou que o xurado, do que formaron parte tres fotógrafos profesionais, Carlos Carballeira, Kiko Delgado e Jesús Taboada, se reuniu o pasado 29 de outubro para valorar 92 imaxes presentadas –baixo seudónimo- por trinta e catro persoas de Narón e doutros concellos da comarca e tamén doutros municipios galegos. O segundo premio, dotado con 300 euros, foi para Marcos López Alonso, de Ferrol, pola imaxe “Lavorando na Feira” e o terceiro, de 150 euros, para Alberto Leiras Cabanillas, de San Sadurniño, por “O meigo da Pena Molexa”. Estas tres imaxes que obtiveron a maior puntuación, tras valorar o xurado o seu impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade, pasarán a formar parte do calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o vindeiro ano. Nese calendario tamén se poderán ver as nove imaxes que obtiveron tamén as puntuacións máis elevadas, por orde, e que ilustrarán cada mes do vindeiro 2020, tal e como indicou a edil de Turismo.

Os premios do “X Concurso de Fotografía Cidade de Narón” entregaranse o día 27 de novembro no Concello, nun acto no que recibirán uns cheques simbólicos de gran tamaño coa imaxe promocional deste certame. O prazo de presentación de imaxes a este concurso mantívose aberto dende o pasado 16 de setembro ata o 11 de outubro. Persoas de Narón, Fene, Mugardos, A Capela, San Sadurniño, Pontedeume, Neda, Ames e A Coruña participaron na edición deste ano, tal e como recordou a concelleira de Turismo. “Un ano máis quero felicitar de antemán aos galardoados neste certame e tamén dar as grazas pola súa participación a todas as persoas que presentaron fotografías ilustrando momentos ou construcións da nosa cidade, deixando constancia da riqueza natural, patrimonial, cultural e deportiva de Narón a través da súa particular visión a través da fotografía”.

As imaxes que ilustrarán o calendario poderanse consultar a partir de mañá na web do Concello: www.naron.es, tal e como anunciou Natalia Hermida.