Exposición sobre Hildegart Rodríguez con motivo dos actos do Día Internacional da Muller

luns, 5 de Marzo de 2018

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, participaron xunto con Luis Calvo, representante do Ateneo Ferrolán, na inauguración oficial da mostra sobre Hildegart que con motivo dos actos do Día Internacional da Muller permanecerá exposta ata o día 15 deste mes na Biblioteca municipal.

A homenaxe institucional ás Mulleres do Ano de Narón 2018 que terá lugar o 7 de marzo no Concello ás 12.30 horas.

A rexedora local e a edil naronesa destacaron o traballo realizado desde o Ateneo Ferrolán para dar a coñecer a vida e os logros de Hildegart Rodríguez. Así mesmo, animaron á veciñanza a visitar esta mostra, na que a través dos diferentes paneis –un total de dezaseis- se explica polo miúdo boa parte da traxectoria vital de Hildegart. O representante da entidade agradeceu pola súa parte a colaboración do Concello naronés na difusión do traballo do Ateneo Ferrolán e entregou á alcaldesa cinco exemplares do libro de “Actas do Congreso do centenario de Hildegart”, que quedarán na Biblioteca municipal.

Esta exposición forma parte do programa de actos conmemorativos do Día Internacional da Muller. Este é o programa de actos:

A homenaxe institucional ás Mulleres do Ano de Narón 2018 que terá lugar o 7 de marzo no Concello –ás 12.30 horas-; o Festival Singular En Feminino, con cinco monólogos que se representarán no Pazo da Cultura e no Auditorio municipal do 8 ao 17 deste mes, e a Cea Baile das Mulleres, o 16 de marzo –ás 21.30 horas- no restaurante A Grella dos Avós, completan a programación do 8-M. Os tickets para poder asistir a esta cea poden adquirirse xa no citado establecemento hostaleiro, localizado na parroquia de Sedes.