A festa dos Maios organizada polo Padroado da Cultura e a Sociedade Cultural Areosa celebrarase o vindeiro sábado

martes, 30 de Abril de 2019

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, e Maribel Mouriz e Carmen Vázquez –vicepresidenta e vogal, respectivamente- da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, presentaron esta mañá a programación da festividade dos Maios, que terá lugar o vindeiro sábado, día 4.
 

A alcaldesa destacou o traballo realizado dende Areosa e tamén agradeceu “a implicación de todas as veciñas e veciños, así como dos escolares da cidade que cada ano elaboran os seus maios para poder celebrar esta festividade”.
    
A programación deseñada para o día dos Maios comezará ás 11.00 horas na Praza de Galicia, donde como cada ano se procederá a elaborar unha gran alfombra floral cun deseño do artista naronés Leandro Lamas. Na decoración da mesma, unha vez deseñada, poderán participar todas aquelas persoas que o desexen. Así mesmo, tamén pola mañá e na Praza de Galicia, haberá un obradoiro de arte floral, no que participarán aquelas persoas que solicitaron a realización destes obradoiros, impartidos por persoal do Padroado da Cultura.
    
Pola tarde, os Maios que desfilarán pola estrada de Castela –dende o local social de Piñeiros ata a Praza de Galicia- concentraranse ás 16.30 horas no Centro Cívico Social de Piñeiros, dende donde sairá a comitiva ás 17.00 horas. Unha vez cheguen á Praza de Galicia, sobre as 18.00 horas, terá lugar a recepción oficial, con música tradicional a cargo das Escolas Municipais do Padroado da Cultura. 
    
Ao igual que en anteriores edicións, entidades veciñais da cidade, nesta ocasión a Sociedade Cultural Areosa de Piñeiros, e a AVV Os Irmandiños, do Val, así como a Agrupación Veciñal de San Mateo, participarán nos obradoiros dos Maios que persoal do Padroado imparte nas citadas parroquias. En Piñeiros e no Val xa se iniciaron, se ben no caso de San Mateo o obradoiro terá lugar o vindeiro 8 de maio, por motivos de axenda. A maiores, estarán os maios realizados desde as asociacións veciñais Virxe de Fátima, de Freixeiro, e do Couto, a Asociación Semente de Trasancos, os nenos e nenas do Recuncho dos Pequechos, do Padroado da Cultura, o Taller de Construción de Instrumentos tamén do Padroado e persoas que os elaboraron a título individual.
    
Os escolares da cidade participan tamén activamente nesta festividade, donde se desenvolven obradoiros nos que participarán uns 1.100 escolares de educación Infantil e Primaria. Eles tamén levarán á festividade do sábado os seus propios Maios. Onte e hoxe tiveron lugar os programados nos colexios Santiago Apóstol e Ayala, e entre os días 2 e 3 de maio serán os previstos nos centros educativos Virxe do Mar, O Feal, A Solaina, Ponte de Xuvia e o CRA de Narón. As tres escolas infantís municipais (A Gándara, A Solaina e Piñeiros) realizaron tamén maios con motivo desta convocatoria e que se poderán ver no desfile e posteriormente na Praza de Galicia xunto cos que se elaborarán o propio sábado pola mañá na citada Praza nos obradoiros en vivo, a cargo de persoal do Padroado da Cultura.
    
Desde o Concello de Narón solicítanse desculpas polas molestias que poida ocasionar ao tráfico rodado o desfile previsto o sábado por un tramo da estrada de Castela –de Piñeiros ata a Praza de Galicia-. 

Así mesmo, a alcaldesa animou ás veciñas e veciños a festexar a chegada da primavera con esta celebración, “gozando co traballo realizado desde as entidades veciñais e os colexios da cidade e tamén da música tradicional”.