Noelia Uceira Vilar, veciña de Valdoviño, gañadora do terceiro premio do “XII Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

luns, 11 de Outubro de 2021

A valdoviñesa Noelia Uceira Vilar, obtivo o terceiro premio do “XII Concurso de Fotografía Cidade de Narón” pola súa imaxe “Estación atemporal”, pola que recibirá 150 euros.

Así o anunciou a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, que explicou que o xurado, do que formaron parte tres fotógrafos profesionais, Carlos Carballeira, Marisa Rivas e Daniel López, se reuniu o pasado 4 de outubro para valorar 70 imaxes presentadas –baixo seudónimo- por vinte e cinco persoas, maioritariamente de Narón pero tamén dos concellos de Ferrol, Fene, San Sadurniño, Valdoviño e Neda. Hermida indicou que este ano quedaron desertos tanto o primeiro como o segundo premio por decisión unánime do xurado, ao considerar que ningunha das imaxes presentadas a esta edición reunía os estándares necesarios para ser merecedora dos mesmos.

O xurado valorou o impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade das imaxes, e as doce que recibiron a maior puntuación pasarán a formar parte do calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o vindeiro ano, tal e como indicou a edil de Turismo.

O terceiro premio do “XII Concurso de Fotografía Cidade de Narón” entregarase no transcurso dun acto público que se convocará no Concello, nunha data aínda por concretar. A gañadora recibirá un cheque simbólico de gran tamaño coa imaxe promocional deste certame.

O prazo de presentación de imaxes a este concurso mantívose aberto dende o 1 ao 15 de setembro. “Quero agradecer en primeiro lugar a participación de todas as persoas que este ano entregaron imaxes a este concurso, a través do que queremos dar a coñecer un pouco mellor a cidade e, como non, felicitar á gañadora do terceiro premio desta edición”.

A acta do xurado e as imaxes que ilustrarán o calendario pódense consultar na web do Concello: www.naron.es, tal e como anunciou Natalia Hermida.