O Concello abrirá o 1 de setembro o prazo para presentar imaxes ao “XII Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

martes, 10 de Agosto de 2021

Un ano máis volve o concurso de fotografía naronés co cal se ilustrará o calendario do Concello para o vindeiro ano 2022.

"Narón é outro conto". Marcos López Alonso. 1er premio.

O Concello abrirá o 1 de setembro –ás 08.30 horas- e ata o vindeiro 15 de setembro –ás 13.00 horas- o prazo para presentar no Rexistro do Concello imaxes á duodécima edición do “Concurso de Fotografía Cidade de Narón”. Así o anunciou a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, que indicou que as bases do certame ao completo se poden consultar a través deste enlace á páxina web do Concello. Poden participar, de balde, todas as persoas maiores de idade que o desexen. A edil naronesa recordou que se entregarán tres premios, de 750, 300 e 150 euros á primeira, segunda e terceira fotografía, respectivamente, mellor valoradas por un xurado especializado que se encargará de puntualas atendendo aos criterios establecidos nas bases. 

As fotografías deben amosar a riqueza de Narón, podendo centrarse a súa temática en varios campos: humano e social –ámbito veciñal, deportivo, industrial, festas populares…-; espazos naturais de interese, de lecer, culturais e tecnolóxicos ou patrimonio monumental, arqueolóxico e etnográfico. O lugar ou entorno debe ser do concello de Narón e recoñecerse como tal na imaxe presentada. Cada participante poderá presentar como máximo tres imaxes, en cor ou branco e negro, que deben cumprir todos os requisitos estipulados nas bases da convocatoria.

Á hora da puntuación das fotografías o xurado valorará cun máximo de dez puntos tres criterios: o impacto visual, a calidade técnico artística e a creatividade. As doce imaxes que reciban maior puntuación ilustrarán, como cada ano, o calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o ano 2022.

As persoas interesadas en recibir información adicional sobre este concurso de fotografía poden dirixirse aos correos electrónicos: am.veiga@naron.es e a.fernandez@naron.es ou chamar ao número de teléfono: 981 337 700 (extensións: 1502 e 1517).

A imaxe que ilustra esta nova foi a gañadora da derradeira edición do concurso: "Narón é outro conto" por Marcos López Alonso.