O Concello abrirá o vindeiro día 14 o prazo de presentación de imaxes ao “XI Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

xoves, 3 de Setembro de 2020

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, anunciou que o vindeiro 14 de setembro abrirase o prazo para presentar imaxes á undécima edición do “Concurso de Fotografía Cidade de Narón”.

Lopesa Galáctica

O certame repartirá 1.200 euros en premios e as persoas interesadas en participar deben entregar as fotografías no Rexistro do Concello, entre as 8.30 do día 14 de setembro e as 13.00 horas do 25 do mesmo mes, tal e como indicou Hermida.

O certame está aberto á participación de persoas maiores de idade, que poderán presentar un máximo de tres imaxes, en cor, ou en branco e negro, dunhas determinadas características, quedando excluídas aquelas que teñan importantes retoques ou alteracións manuais ou dixitais. Así mesmo, as fotografías deben amosar a riqueza de Narón en varios campos: humana e social –ámbito veciñal, deportivo, industrial, festas populares…-; espazos naturais de interese, de lecer, culturais e tecnolóxicos ou patrimonio monumental, arqueolóxico e etnográfico. Un dos requisitos obrigatorios é que o lugar ou entorno sexa do Concello de Narón e recoñecible como tal.

O xurado do “XI Concurso de Fotografía Cidade de Narón” concederá tres premios de 750, 300 e 150 euros á primeira, segunda e terceira imaxe, respectivamente, con maior puntuación. O impacto visual, a calidade técnico artística e a creatividade serán puntuadas con ata un máximo de 10 puntos –cada un destes criterios-. As doce imaxes con maior puntuación ilustrarán o caledario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o ano 2021.

As bases ao completo deste certame pódense consultar no enlace: http://www.naron.es/web/docs/Bases-XI-Concurso-de-Fotografia-Cidade-de-Naron.pdf.  Así mesmo, as persoas interesadas en recibir máis información tamén poden dirixirse ao correo electrónico: am.veiga@naron.es ou chamar ao número de teléfono: 981 337 700 (extensión: 1502).

 A concelleira de Turismo animou ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a participar neste certamea través do que poñemos en valor moitos dos recursos cos que conta a nosa cidade no ámbito social, cultural, patrimonial… e damos continuidade a unha das convocatorias xa consolidadas no noso Concello”.