O Concello adheriuse á campaña de WWF España La Hora del Planeta e apagará o sábado durante unha hora a iluminación exterior do Pazo da Cultura e da rotonda de Freixeiro

mércores, 27 de Marzo de 2019

O Concello de Narón adheriuse á undécima edición de La Hora del Planeta, unha iniciativa de WWF España coa que administracións, empresas e particulares movilízanse para apoiar accións contra o cambio climático e a favor da natureza, apagando o alumeado de edificios, monumentos, vivendas.

A alcaldesa, Marián Ferreiro avanzou que na xornada na que se conmemora La Hora del Planeta, o vindeiro 30 de marzo, o Concello apagará as luces da glorieta de Freixeiro e tamén as exteriores do Pazo da Cultura no horario establecido, entre as 20.30 e as 21.30. Durante esa hora apagaranse as luces en varias zonas do mundo para amosar que “as nosas accións a favor do clima son imparables”, tal e como indican desde WWF España.

O lema da campaña deste ano é “Apaga por la naturaleza en La Hora del Planeta”, e a adhesión á mesma implica, a maiores do apagón, asumir alomenos un dos tres retos que se plantexan: un día sen plástico, un día sen carne ou un día sen emisións. Na páxina web de La Hora del Planeta 2019 pódense consultar os motivos que levaron a seleccionar estes tres retos -https://www.horadelplaneta.es/retos/-, así como as características desta campaña e mesmo sumarse a ela (particulares, empresas, concellos, organizacións…). A finais da semana pasada máis de 220 concellos, 110 empresas e un centenar de organizacións estaban xa adheridas a esta iniciativa de loita contra o cambio climático.

No caso do Concello de Narón a alcaldesa, Marián Ferreiro, recalcou que a implicación do goberno local vai máis alá. Ao respecto, a rexedora local recordou que nos últimos catro anos o Concello investiu máis de dous millóns de euros en actuacións de mellora da eficiencia enerxética. As obras proxectáronse tanto en alumeados públicos de viais como de edificios municipais e permitirán reducir considerablemente as emisións á atmósfera de dióxido de carbono. “Narón é unha cidade totalmente comprometida co coidado do medio ambiente, así o constatan os traballos que proxectamos e executamos nos últimos anos, conscientes da problemática do cambio climático, polo que tratamos de contribuír a poñer freo a esta situación non só a nivel particular senón tamén desde as administracións”. 

“Diminuímos o consumo enerxético e, ao tempo, levamos a cabo outras accións como incrementar as zonas verdes da nosa cidade, todo cun mesmo obxectivo, coidar o clima e respectar a natureza”, apuntou Ferreiro.

Desde o Concello anímase á cidadanía a sumarse o vindeiro sábado á campaña “La Hora del Planeta 2019” para aforrar enerxía e respaldar este tipo de accións a favor do clima, apagando as luces entre as 20.30 e as 21.30 horas.