O Concello dá a coñecer o xurado profesional encargado de valorar as propostas presentadas ao concurso ‘Tarta de Narón’

martes, 19 de Outubro de 2021

Lucía Freitas, Pablo Morales e Manuel Cerdido son os membros do xurado seleccionados polo Concello de Narón para valorar as propostas presentadas ao Concurso dirixido a profesionais, promovido a través da Concellaría de Turismo e Festas, dirixida por Natalia Hermida, para a elaboración dun produto gastronómico que se denominará ‘Tarta de Narón’.

Lucía Freitas: formada cos mellores profesionais do País Vasco e de Cataluña, da man de Jordi Butrón, Ramón Morató e Angelo Corvitto, coñece os segredos da pastelería, bombonería e xeadería na Escola de Sobremesas de restaurante Espai Sucre (Barcelona). Posteriormente no “Celler de Can Roca” a pastelaría de Jordi Roca... Foi xefa de pastelería na prestixiosa “Relais Chateau” e volta a Galicia para abrir o seu propio restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), distinguido actualmente cunha Estrela Michelin e que posiciona a Lucía como unha das mellores empresarias gastronómicas en España.

Pablo Morales, pasteleiro, nominado ao premio Pasteleiro Revelación de España na categoría de obrador en 2019. Con só 17 anos, traballou en Bubó xunto a Carles Mampel. Alí comezou unha traxectoria profesional que seguiu ampliando na India, Kuwait e Inglaterra, e con todo o aprendido, volta á súa terra e abre o seu propio negocio en A Coruña: Habaziro Concept.

Manuel Cerdido, profesor técnico de Formación Profesional Familia de Cociña e Pastelaría no IES de Vilamarín (Ourense).

Os participantes no concurso en marcha e cuxo prazo de admisión remata o vindeiro día 23, deben ser profesionais, e propoñer un doce que, entre outras características, se inspire na tradición cultural ou gastronómica da zona e represente o territorio en distintos eventos turísticos ou de lecer.

A proposta seleccionada será de produción propia, servirá para compartir tanto en festas-celebracións de carácter familiar e social, como en agasallo para turistas e persoas que por calquera outro motivo visitan Narón, neste sentido será un "doce de viaxe” que formará parte das vitrinas das pastelarías que a desexen ofrecer como reclamo turístico e gastronómico.

A  "Tarta de Narón" é unha marca rexistrada polo Concello de Narón,acompañada dunha imaxe do Muíño das Aceas.

As Bases do concurso pódense consultar na web  www.naron.es