O Concello de Narón e a AVV Rosa dos Ventos organizan a vixésimo primeira edición do Oenach Atlántico de Sedes

xoves, 18 de Xullo de 2019

A parroquia de Sedes acollerá a fin de semana do 26, 27 e 28 de xullo a celebración da vixésimo primeira edición do Oenach Atlántico. 

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentou a programación acompañada por integrantes da Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes. A edil naronesa desculpou a ausencia do alcalde accidental, Guillermo Sánchez Fojo, que a esa mesma hora recibía no Concello a traballadores/as da empresa Elinco que se concentraron ante o Consistorio. O Concello de Narón, o Padroado e a AVV Rosa dos Ventos organizan este evento festivo contando coa colaboración da Xunta de Galicia e Abanca, apostando por recrear as raíces da cultura e os modos de vida rurais a partir da cultura celta-galaica e que este ano ademais contará coa colaboración da entidade veciñal de Esmelle. O Oenach Atlántico de Sedes declarouse Festa de Interese Turístico de Galicia e os actos programados desenvolveranse no recinto da campa do Trece e nas súas inmediacións. 
    
Os veciños da parroquia agradeceron a “boa disposición” do goberno local á hora de impulsar esta festividade, que este ano contará cunha maior oferta de obradoiros e recreación de oficios na campa, tal e como avanzaron. Pola súa banda, a concelleira de Turismo agradeceu o traballo que realizaron nestes vinte e un anos as veciñas e os veciños de Sedes e “a súa preocupación para continuar  coa esencia e o espírito propios do Oenach”. 
    
O programa do venres 26 comezará co tradicional acendido de lumes nuns recipientes de ferro para dar por inaugurada a celebración ás 22.30 horas e, a continuación, sobre as 22.45 horas, dará comezo un concerto de Leilía, un grupo de música tradicional galega de cantareiras e pandereteiras, composto por seis voces femininas e que contribúe dende a súa constitución, no ano 1989, á recuperación da tradición galega. 
    
Na xornada do sábado 27 e o domingo 28 a celebración continuará de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas con diferentes propostas dirixidas a todo tipo de públicos. Polas mañás abrirá un mercado de artesanía –venda de produtos de calidade vencellados á cultura celto galaica- e tamén haberá xogos e obradoiros –de petroglifos, perforación de pezas de cerámica e madeira, técnicas de acendido do lume, tecido artesanal…- para persoas de diferentes idades e recreacións de oficios na campa castrexa – tecidos, oleiría, talla de madeira, canteiría e cestería -. 
    
A maiores, o sábado haberá varios espectáculos de animación a cargo de O Cuarteto Rinchón -11.30 horas, 16.00 e 18.00-; unha actuación infantil con Rilo&Penadique -12.00-; unha sesión vermú a cargo de Tiruleque -13.30 horas- e un concertó infantil con Mamá Cabra -17.00-. Pola noite, ás 22.30 dará comezo a Noite no castro, cunha representación da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, que este ano representará a obra “Buscando a Fara”. Os veciños e as veciñas de Sedes son os protagonistas desta proposta teatral, escrita por Juan Padín e Pepablo Patinho e que conta a historia de Fara, unha moza que quedou orfa e buscará refuxio no Castro de Eiravedra, donde coñecerá a Gaia, unha muller que lle axudará a ser feliz. Ás 00.00 horas rematará o programa do sábado cunha mexilloada e repichoca na campa do Trece, unha das novidades desta edición, tal e como avanzou Natalia Hermida.
     
O domingo 28 haberá novas sesións de animación co Cuarteto Rinchón -11.30 e 16.30 horas- e tamén pola mañá, explicou a edil naronesa, recuperarase unha das propostas de anos anteriores, a exhibición de cans de palleiro -12.00-; e unha nova recreación teatral na campa a cargo do Grupo de Teatro Comunitario de Sedes -13.00 horas- que representará a obra “A conquista de Gallaecia”, unha comedia na que se aborda a reconquista por parte dos romanos de Gallaecia. A maiores, pola tarde haberá unha actividade dirixida a toda a familia, a cargo de Xogos Paporrubio -16.30- e tamén actuarán a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón -17.00- e o grupo de danza tradicional Alxibeira -18.00- do Padroado da Cultura de Narón. O espectáculo infantil “A danza da choiva”, da compañía Elefante Elegante -18.15- e a actuación musical de Pelepau -19.00 horas- pecharán a programación desta nova edición do Oenach Atlántico.
    
As persoas que acudan ao evento terán tamén a oportunidade de degustar diferentes elaboracións a base de porco celta, á venda nun posto que se instalará no recinto, e tamén de probar as bolas de sartén que cociñan tradicionalmente as veciñas e veciños de Sedes e que se sirven de balde.
    

Convido á xente a vir a esta Festa de Interese Turístico de Galicia, unha festa comunitaria e donde o protagonismo é da propia asociación de veciños e en xeral de toda a veciñanza de Sedes”, apuntou Hermida. Finalmente a concelleira anunciou que está previsto realizar a vindeira semana en Lugo un acto de irmanamento entre o Oenach Atlántico de Sedes e o Arde Lucus ao que acudirán representantes de ambos Concellos xunto con veciñas e veciños de Sedes.