O Concello destacou a acollida do stand Narón-Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas na feira lusa Expocidades

venres, 7 de Xuño de 2019

O pasado fin de semana, na quinta edición de Expocidades, en Braga (Portugal).

O stand de Narón-Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, estivo o pasado fin de semana, na quinta edición de Expocidades, en Braga (Portugal) e tivo unha moi boa acollida entre os asistentes a este evento, tal e como indicou a concelleira de Turismo en funcións, Natalia Hermida. Dúas persoas encargáronse de atender e ofrecer información de Narón e comarca aos visitantes neste espazo, que ocupou uns 15 metros cadrados. 
    
Expocidades é unha mostra turística das cidades que integran o Eixo Atlántico, entre elas Narón, que acudiu co fin de promocionar o turismo de proximidade desde o seu stand, con material sobre de interese tanto para o resto de participantes como para os operadores e axencias de viaxe. O patrimonio histórico, a riqueza natural, a oferta gastronómica e de lecer…. son parte das propostas que se ofreceron desde o stand co que Narón acudiu a este evento, con entrada de balde.  
    
“Esta feira é toda unha oportunidade para dar a coñecer a nosa cidade e o seu potencial no sector turístico, no que avanzamos moito e sobre o que continuaremos traballando, tanto dende o Concello como dende o Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas e do propio Eixo Atlántico”, subliñou Hermida.