O Concello impulsa novas actividades para promocionar o sector hostaleiro e a gastronomía local a través do Club Narón Gastronómico

xoves, 24 de Outubro de 2019

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou esta mañá as novas actividades de promoción do sector hostaleiro e os produtos gastronómicos locais que se levarán a cabo a través do Club Narón Gastronómico.

A primeira das citas terá lugar o vindeiro martes, día 29, e consistirá no Obradoiro ‘Produtos da Ría: Mariscos’, para o que están inscritos arredor de 15 responsables de cociña de distintos establecementos naroneses. Este obradoiro práctico permitirá, tal e como explicou Pita, “ofrecer a mellor imaxe posible do sector, dotando aos profesionais dos coñecementos teóricos e prácticos necesarios para ampliar a oferta gastronómica dos seus establecementos, incluíndo os excelentes produtos da ría”.

O obradoiro abranguerá dúas horas e media de formación nunha sesión de 17.30 a 20.00 horas e celebrarase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. Miguel Ángel Campos, presidente do Grupo Nove, cociñeiro e propietario do restaurante A Gabeira, establecemento con 1 Sol Repsol e incluído na prestixiosa Guía Michelin entre os Bib Gourmand dende 2018. Os obxectivos do obradoiro son, según destacou o edil de Promoción Económica, “mellorar a calidade gastronómica dos negocios de restauración, modernizar a cociña local, promover a especialización na elaboración de determinadas receitas con mariscos da ría por parte de cada un dos establecementos participantes e asesoralos de cara á inclusión destas e outras propostas semellantes nos seus menús, enriquecendo a súa carta”.

A seguinte acción a desenvolver son as segundas Xornadas do Marisco da Ría, “Os sabores da Ría no prato”, convocadas logo da exitosa experiencia iniciada o pasado ano. En palabras do edil David Pita, “temos unha ría moi rica en especies comerciais de gran calidade. Estamos empeñados en poñer en valor as nosas potencialidades e para iso, é imprescindible artellar as accións en estreita colaboración co sector hostaleiro naronés, cun alto grao de participación nas diferentes actividades propostas por parte da institución local, como concursos e rutas de tapas, actividades formativas, xornadas gastronómicas, festas de exaltación de produtos, entre outras”. 

As segundas Xornadas do Marisco desenvolveranse de xoves a domingo, do 14 ao 17 de novembro e do 21 ao 24 de novembro e a súa finalidade é a de axuntar a oferta, a produción e a calidade dos produtos da ría, cos puntos de consumo máis importantes que, neste caso, constitúen os establecementos de hostalería do concello de Narón que se sumaron a esta iniciativa. Os produtos protagonistas serían, como no caso da edición do pasado ano, cinco especies de marisco dunha calidade extraordinaria que se poderán degustar en formato tapa, menú ou ración, dependendo da tipoloxía do establecemento: ostra salvaxe, zamburiña, ameixa rubia, mincha e carneiro.

Finalmente, e como colofón a esta campaña de difusión da riqueza dos produtos gastronómicos e do sector hostaleiro da cidade, terá lugar unha sesión de “cociña en vivo” o venres, 29 de novembro a partir das 19.30 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura, con entrada libre ata completar aforo e con degustación. O showcooking “Creacións con marisco a 4 mans” estará protagonizado polos mariscos da nosa ría, de calidade extraordinaria, versionados nesta ocasión por Beatriz Sotelo e Iñaki Bretal, dous influíntes cociñeiros galegos que aportarán a súa creatividade e a impronta propia dos seus territorios de orixe, contrapoñendo o xeito de preparar o marisco no norte  e no sur de Galicia.

Beatriz Sotelo

Na edición 2008 da Feria Alimentaria alzouse co galardón que a recoñecía como gañadora do ‘Concurso Cocinero del Año’ en España, polo que competiron preto dun milleiro de cociñeiros. Alí deuse a coñecer perante o mundo unha muller que, sen ter acadado os trinta anos, ostentaba xa a súa primeira estrela Michelin no restaurante A Estación de Cambre e que non parou de medrar profesionalmente sen deixar de ser a espontánea rapaza de Ardán que contaxia vitalidade e paixón que sempre foi, a pesar da súa sona e recoñecemento no mundo dos fogóns a nivel nacional. 

Na actualidade combina actividades de asesoramento executivo de establecementos de hostalería, xunto coa docencia na rede de Centros Públicos de Formación Profesional, así como a participación en eventos relacionados coa súa profesión, e en diversas producións da Televisión de Galicia coa gastronomía como eixo.

O traballo de Beatriz inspírase no produto e del nace unha idea, unha receta, un prato. Ese é o segredo do seu éxito: manter sempre como premisa que a inspiración nace da materia prima de calidade que o mercado pon cada día á súa disposición, sen buscar outro camiño cara á xenialidade que o traballo ben feito e a honestidad no prato.

Iñaki Bretal

Con formación en Hostalería e Turismo, nominado a cociñeiro do ano en 2015 e cunha dilatada experiencia en cociñas nacionais antes de contar cos diferentes establecementos propios tanto en Galicia como en Madrid, entre eles o restaurante gastronómico ‘Eirado da Leña’ e o gastrobar ‘Loaira’, ámbolos dous no centro histórico de Pontevedra, así como no recentemente inaugurado ‘Farmacia de Guardia’, en pleno barrio madrileño de Malasaña, onde desprega os sabores máis auténticos de Galicia. 

En todos eles e nos distintos eventos gastronómicos dentro e fóra do país nos que participa, dá renda solta ao máis sinxelo dos principios que rexe o seu facer nos fogóns: o produto fresco e de calidade. Preferiblemente peixe, eses peixes que segundo van entrando no establecemento van inspirando creacións que son un luxo en todos os sentidos. Pero tamén carnes e produtos de horta da mellor das despensas: Galicia. 

A de Iñaki é unha cociña de proximidade e estacional, que respecta as raíces e engádelle un punto de creatividade como un aliado para se gañar a un cliente cada vez máis esixente e entendido.