O pavillón polideportivo da Gándara acollerá este sábado a “XXXIII Copa Galicia de baloncesto sénior feminina”

xoves, 19 de Setembro de 2019

O Concello de Narón acolleu esta mañá o acto de presentación da “XXXIII Copa Galicia de Baloncesto sénior feminina” que se disputará o vindeiro sábado, día 21, a partir das 19.00 horas no pavillón polideportivo da Gándara. Os equipos que disputarán o partido son o Ensino Lugo e o Celta. 

O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín agradeceu a aposta do club Uni Ferrol por esta final da Copa Galicia feminina e ao Concello de Narón o feito de poder celebrala nesta cidade. “Este ano a parte de ser Copa Galicia feminina quixemos brindar unha homenaxe en memoria do noso compañeiro, directiro e tesoureiro da Federación Galega, Ricardo Méndez, que faleceu recentemente e que durante dez anos traballou desinteresadamente polo baloncesto dende o seu posto como directivo”. No descanso do partido, tal e como explicou Martín, realizarse ese recoñecemento ao que acudirán a viúva e a filla de Méndez, esta última tamén xogadora de baloncesto.  

Así mesmo, o presidente do Uni Ferrol, Leopoldo Ibáñez, tivo tamén palabras de agradecemento para a Federación Galega de Baloncesto e “especialmente, para o Concello de Narón, que este ano había unhas connotacións respecto ás instalacións deportivas que finalmente se salvaron porque sempre estiveron aí dende o primeiro momento para botarnos unha man e por iso esta Copa Galicia se vai celebrar en Narón”. “Cremos que é a mellor oportunidade para impulsar o nivel do baloncesto feminino galego nun encontro que, a pesar de ser en pretempada, vai ser dende o punto de vista deportivo da maior calidade posible”. Ibáñez lamentou que “é unha pena que ao final onte o Universitario non puidesemos clasificarnos porque sería un valor engadido para os afeccionados de Ferrol e comarca, pero aínda así será unha final do máis alto nivel de cara ao inicio da tempada”. Finalmente, o presidente do Uni Ferrol fixo un chamamento aos siareiros e siareiras do Universitario para que acuda ao partido do sábado na Gándara.

Por último, o concelleiro de Deportes de Narón, José Oreona, deu a benvida ao baloncesto galego feminino á cidade e agradeceu a confianza da Federación Galega de Baloncesto e do Universitario Ferrol para levar a cabo este partido. “Todo o mundo sabe que Narón é deporte e que nós sempre estamos disposto a botar unha man cando faga falta, porque nós non gastamos en deporte, investimos en deporte”, recalcou o edil. Oreona animou tamén á cidadanía a acudir ao encontro do sábado para gozar do baloncesto feminino.