O Pazo acolle ata o 2 de febreiro a Mostra multiartesanal e cultural “Ardexarxe” con artículos elaborados a base de la autóctona galega

martes, 24 de Xaneiro de 2023

Narón, 24 de xaneiro de 2023. A primeira edición da “Mostra multiartesanal e cultural Ardexarxe” pode visitarse dende hoxe no Pazo da Cultura. 

Os edís de Promoción Económica, David Pita; Cultura, Olga Ameneiro, e Feiras, Santiago Galego, desprazáronse este mediodía ao Pazo xunto con portavoces da corporación local para ver xunto con Teté Mareque, da firma do seu mesmo nome, e Ana Da Silva, da asociación Camiño da Artesanía, os traballos que alí se poden ver ata o 2 de febreiro. O Concello organiza a convocatoria xunto coa firma Teté Mareque e a asociación Camiño de Artesanía.

Ana da Silva deu a benvida aos asistentes, entre os que tamén se atopaban a directora técnica de Asovega, Silvia Adán, e a xerente de Inorde, Emma González. A representante de Camiño da Artesanía agradeceu a implicación do Concello de Narón e do resto das entidades e persoas que fixeron posible este proxecto, que supuxo varios meses de traballo. 

Un dos obxectivos desta convocatoria é poñer en valor o uso da la autóctona galega procesada artesanalmente e traballada con diferentes técnicas por profesionais como os que se dan cita neste evento. Os visitantes terán a oportunidade de ver pezas únicas elaboradas con la de ovella cedida por Granxa Caxigueira e Granxa Ecolóxica Rexenerativa A Ciruxana, coas pertinentes certificacións de calidade da mesma. Artesáns de Narón, Ferrol, Fene, Ares, Pontedeume, Cambre, Arteixo, Pontevedra, Vigo e mesmo de Polonia e Bulgaria traerán a Narón pezas artesanais elaboradas con la de ovella, algunha de San Mateo, e empregando técnicas pictóricas, de encaixe de palillos, feltro, pintura, calceta, cerámica, bordado, bonequería, traxes tradicionais ou cestería, entre outras. 

Cadros, colares, figuras de animais de granxa, bonecas, mantas, bolsos e ata un vestido de noiva realizados con diferentes tipos de la autóctona forman parte desta mostra, na que tamén hai variedades de la que se poden tocar para aprender a distinguilas.

David Pita e Olga Ameneiro felicitaron a Teté Mareque e Ana da Silva e tamén ao resto de entidades que cederon material ou elaboraron as pezas que se poden ver na mostra. Dende o Consistorio, recalcaron a importancia de poñer en valor un produto, como é o caso da la autóctona galega, e darlle unha nova vida, fomentando o seu aproveitamento e constituíndo unha fonte de xeración de recursos, e non de gastos, para o sector primario.
As persoas interesadas en ver as pezas que alí se exponen poden facelo, con entrada de balde, ata o 2 de febreiro de luns a venres entre as 11.00 e as 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, tal e como se recordou dende a organización.