O Pazo acolle esta fin de semana dous novos espectáculos do Festival internacional do monólogo teatral Singular

mércores, 20 de Marzo de 2019

O Pazo da Cultura acollerá esta fin de semana dous novos espectáculos do Festival Internacional do monólogo teatral Singular. 

O vindeiro venres, día 22, será o turno da compañía madrileña Teatro El Barrio, que representará Emilia a partir das 20.30 horas e o sábado 23, ás 20.00 horas poderase ver o monólogo Tanatorium, de Félix Albo. As entradas dispoñibles están á venda na billeteira do Pazo e na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es, a un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con cané xove ou de estudante.

O monólogo Emilia céntrase na figura da novelista galega Emilia Pardo Bazán, que a finais do século XIX empeñouse en ser ela mesma e apostar pola súa vontade de escribir e participar activamente na vida pública. Pilar Gómez –Premio Max 2018 á Mellor actriz- é a persoa que se porá na pel de Emilia, reprobada por moitos dos seus contemporáneos por querer ingresar na Real Academia Española pero tamén admirada por outros. Este monólogo é o primeiro dunha triloxía de Teatro El Barrio, que se centra en varias mulleres relevantes que loitaron pola igualdade de dereitos na sociedade.

O sábado día 23 poderase ver no Pazo o monólogo Tanatorium, de Félix Albo (Comunidade valenciana). Albo trae a Narón a historia dun home que entra no vestíbulo dun tanatorio e xusto nese momento vaise a luz e na escuridade inicia un soliloquio percorrendo distintas vidas ata chegar á súa. O público poderá escoitar disparatadas situacións protagonizadas por adolescentes desnortados con moto, un tío avó coa súa parella de Almansa…

A cuarta edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular rematará o día 29 de marzo co espectáculo Anatomía dunha serea, da compañía galega Mona Productora e que se poderá ver a partir das 20.00 horas. Iria Pinheiro protagoniza este espectáculo, centrado na violencia obstétrica durante e despois dun embarazo. Esta peza de teatro documental construíuse sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz que a protagoniza, tendo carácter autobiográfico e testemuñal.