O prazo para presentar imaxes ao IX Concurso de Fotografía Cidade de Narón permanecerá aberto do 17 ao 28 do vindeiro mes de setembro

xoves, 30 de Agosto de 2018

O vindeiro 17 de setembro abrirá o prazo de presentación de imaxes á novena edición do Concurso de Fotografía Cidade de Narón.

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, recordou que as persoas interesadas en participar poderán entregar os seus traballos ata o vindeiro 28 de setembro, e animou á veciñanza de Narón e comarca a presentarse a este certame, que repartirá un total de 1.200 euros en premios.

Un dos requisitos para poder participar na convocatoria é ser maior de idade, se ben as fotografías deben reflectir, tal e como figura nas bases, a riqueza de Narón en diferentes áreas (patrimonial, monumental, arqueolóxica, espazos naturais de interese, de lecer, cultura, tecnoloxía ou festas populares). “Calquera destas temáticas será válida para as fotografías que optan aos tres premios convocados –de 750 euros o primeiro; 300 o segundo e 150 o terceiro- e os participantes deben ter moi en conta que nas imaxes debe ser perfectamente recoñecible que está sacada no termo municipal naronés, apreciándose nas mesmas algún elemento identificativo da cidade”, recalcou Hermida.

As fotografías presentadas valoraráas un xurado especializado, que concederá un máximo de trinta puntos a cada unha e que terá en conta a súa calidade técnico artística, a orixinalidade e o grao de representatividade do concello de Narón.

As imaxes deben entregarse no Rexistro do Concello (Praza de Galicia, s/n; CP: 15570, Narón), baixo pseudónimo, entre as 8.30 horas do día 17 de setembro e as 13.00 horas do 28 dese mesmo mes.

Ao igual que se fixo nas anteriores edicións deste certame convocado desde a área municipal de Turismo, as doce fotografías que obteñan a maior puntuación do xurado ilustrarán o calendario de sobremesa que o Concello editará de cara ao vindeiro ano. 
As bases completas desta convocatoria poden consultarse a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/BasesIXConcursoFotografia.pdf  e para calquera aclaración sobre as mesmas pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (ext. 1517).