O recinto feiral do Trece acollerá esta fin de semana a sétima edición da “Exposición Canina” de Narón

venres, 9 de Marzo de 2018

O recinto feiral do Trece, en Sedes, acollerá esta fin de semana, o sábado e o domingo, unha nova edición, a sétima, da “Exposición Canina”, organizada polo Concello de Narón e a Sociedade Cinolóxica Galega.

O recinto feiral do Trece acollerá esta fin de semana a sétima edición da “Exposición Canina” de Narón

Así o anunciou a concelleira de Feiras, Mar Gómez, que xunto co presidente da Sociedade Cinolóxica Galega, Javier Davila, animou a participar nesta convocatoria, inscribíndose nos actos programados ou como espectador dos mesmos.

Na xornada de mañá sábado, a partir das 17.00 horas, está prevista a celebración dunha exhibición canina e tamén terá lugar durante a tarde nun concurso de mascotas, para o que é precisa inscrición previa. Haberá premios para as categorías Miss, Míster, King Kong e Pitufín, tal e como apuntou Davila. A maiores, tanto mañá como o domingo, convocáronse recoñecementos de raza, para que todas as persoas con cans interesadas en que obteñan o pedegree poidan tramitalo.

O domingo a exposición abrirá ás 11.00 horas, ata as 14.00 e pola tarde de 16.30 a 18.00. Unha hora antes da apertura –sobre as 10.00- os responsables da organización estarán no recinto do Trece para abrir o prazo de inscrición na exposición nacional canina, proba puntuable para o campionato autonómico e na que participarán cans con pedegree.

A concelleira de Feiras asegurou que “esta exposición canina é na actualidade todo un referente na zona, ao reunir neste municipio a persoas que, chegadas tamén doutras localidades galegas principalmente, participan activamente cos seus cans neste tipo de exhibicións e certames”. Mar Gómez valorou ademais a oportunidade que ofrece este evento para que todos aqueles animais que non teñan pedegree poidan obtelo a través dos trámites que se realizarán nun espazo habilitado esta fin de semana no recinto feiral do Trece, donde se celebrará esta sétima edición da Exposición Canina de Narón.