O xurado do certame “Vilas en flor” recoñece o mantemento, deseño e a xestión dos espazos verdes da cidade con dúas “Flores de honra”

venres, 6 de Novembro de 2020

A resolución foi tomada por un xurado especializado, formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, participaron esta mañá vía telemática no acto de emisión do fallo e entrega de galardóns da terceira edición do certame Vilas en Flor, no que participou o Concello. Estiveron tamén no citado acto virtual, entre outros, o director do certame, Pedro Calaza, e a directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre. No transcurso da convocatoria, que deu comezo ás 12.00 horas, anunciouse que a Narón se lle concederon dúas “Flores de honra”, atendendo aos criterios establecidos que valorou un xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo.

No certame o xurado valorou o elevado número de parques que ten a cidade “extremadamente coidados” e a gran superficie reservada a zonas verdes no termo municipal. Así mesmo, destacaron o paseo litoral da ría, “moi coidado e conectado coas áreas poboadas por diferentes accesos” e as rutas de sendeirismo, entre outros aspectos. A mellora ambiental, social e económica dos concellos e a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación son algúns dos obxectivos do programa “Vilas en flor”.

A alcaldesa valorou a concesión deste distintivo á cidade, a través do que se recoñece, indicou “o intenso labor que se leva a cabo durante todo o ano para manter en condicións óptimas as zonas verdes da cidade e incluso incrementalas con novos proxectos, algúns xa materializados e outros nos que estamos traballando, como a unión dos paseos de Freixeiro e Xuvia polo borde litoral, entre outros vencellados á xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá”.