A Oficina de Turismo da cidade permanecerá aberta ata mediados do vindeiro mes de setembro

xoves, 14 de Xuño de 2018

A Oficina de Turismo de Narón, localizada na zona do Parque fluvial do Río Freixeiro, abriu as súas portas. A concelleira responsable da área, Natalia Hermida, avanzou que as instalacións permanecerán operativas ata mediados do vindeiro mes de setembro, de luns a domingo, e indicou que estarán atendidas por dúas informadoras turísticas.

O horario de apertura da Oficina de Turismo é de luns a venres entre as 10.00 e as 14.00 e polas tardes de 16.00 a 20.00 e os sábados e domingos manterase o mesmo horario de mañá, de 10.00 a 14.00, pero pechará unha hora antes polas tardes, estando operativa de 16.00 a 19.00 horas. Durante os días festivos as instalacións permanecerán tamén abertas no seu horario habitual.

A Deputación da Coruña concedeu este ano ao Concello unha subvención de 17159 euros, unha cantidade coa que se contratou ás dúas persoas da bolsa de emprego municipal para atender este servizo durante os vindeiros tres meses na cidade.

O feito de poder contar con estas instalacións na cidade permitiranos realizar unha importante labor de difusión do patrimonio tanto da cidade como da comarca durante a tempada estival, ofrecendo ás nosas veciñas e veciños e ás persoas que se acheguen doutros concellos, material sobre o destino turístico Ferrolterra-Rías Altas e tamén específico do concello de Narón”, destacou Hermida.