A Oficina de Turismo de Freixeiro permanecerá aberta ata mediados do mes de outubro

mércores, 21 de Xuño de 2017

A Oficina de Turismo de Narón permanece aberta desde onte e estará operativa durante os vindeiros catro meses, tal e como indicou a concelleira responsable da área, Natalia Hermida.

O Concello solicitou unha subvención á Deputación da Coruña para a atención, por parte de persoal cualificado, da Oficina de Turismo, e concederon a totalidade do gasto, por un importe de 11.532,97 euros”, apuntou a edil naronesa. As instalacións, localizadas nas inmediacións da rotonda de Freixeiro, permanecerán pechadas ao público os luns.

A concelleira amosouse moi satisfeita das xestións realizadas desde o Concello tanto na solicitude da subvención á Deputación con este resultado como o feito da recente participación na feira Expocidades coa Mancomunidade (levando información do Xeodestino e compartindo gastos).

Deste xeito, temos máis e mellores servizos con moito menor coste para o Concello”, recalcou Natalia Hermida.

Nas xornadas dos martes aos sábados a Oficina de Turismo abrirá en horario de 10.00 a 14.00 e desde as 18.00 ata as 21.00 horas, e os domingos en horario de mañá, de 11.00 a 13.30 horas. Os días festivos as instalacións permanecerán tamén operativas nos citados horarios, excepto no caso de que a festividade coincida un luns, día de peche.

Unha técnico de Turismo contratada a través da bolsa de emprego do Concello é a persoa encargada de atender ás persoas que, desde onte e ata mediados de outubro se acheguen á citada oficina. Alí ofrecerá, tal e como indicou Hermida, “información turística sobre a nosa cidade pero tamén doutros concellos da comarca, co fin de dar a coñecer os potenciais da zona a cantas persoas soliciten datos ao respecto”. A concelleira naronesa recordou tamén que o Concello naronés dispón dunha páxina web específica sobre Turismo -http://turismo.naron.es/- que nun par de días disporá dun chat para realizar consultas a través de internet coa persoa que atende a Oficina. Así mesmo, o Concello dispón dun Punto de Información Turística, na entrada principal, no que se ofrece información actualizada sobre o sector. 

As persoas interesadas en contactar coa Oficina de Turismo de Narón poderán facelo chamando ao número de teléfono 981 337 700 (ext. 2301).