Os Concellos de Lugo e Narón irmanan o Arde Lucus e o Oenach Atlántico e comprometen “sumar forzas” na difusión cultural

martes, 23 de Xullo de 2019

A Praza Maior de Lugo acolleu onte, ás 16.30 horas, un acto especial coa representación do irmanamento entre as asociación castrexas do Arde Lucus e a asociación veciñal Rosa dos Ventos de Sedes (Narón), que organiza co Concello o Oenach Atlántico.

No acto participaron máis de 50 veciños e veciñas de ambos concellos caracterizados con traxes propios da época castrexa.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, agradeceulle á alcaldesa Lara Méndez e ás asociación castrexas do Arde Lucus a “disposición e total colaboración” para levar a cabo o irmanamento entre ambas festas declaradas de Interese Turístico de Galicia (no caso lucense, tamén a nivel de España) e que contan xa con arredor de dúas décadas de historia (no caso de Narón celebrarase esta fin de semana a vixésimo primeira edición). Ferreiro transmitiu o “orgullo” polo traballo realizado desde as asociacións de veciños todos estes anos e comprometeuse a “sumar forzas e crear sinerxias” con Lugo “para reforzar e difundir as raíces culturais” de Galicia. Ademais, convidou a que toda a poboación lucense e galega se anime a coñecer o Oenach Atlántico de Sedes, que se celebra esta fin de semana do 26, 27 e 28 de xullo coa representación da vida celto galaica en pallozas e con múltiples recreacións, espectáculos de música infantil e concertos.

Por parte de Lugo presidiron o acto a alcaldesa Lara Méndez e a concelleira Ana González Abelleira. Méndez agradeceu a presenza en Lugo da alcaldesa e os veciños e veciñas de Narón e destacou “a posta en valor da nosa riqueza histórica e das nosas festas, e máis cando compartimos, como neste caso co Oenach Atlántico, o desexo de recuperación dunha cultura e dunhas tradicións que forman parte de nós, e a sensibilidade de dalas a coñecer desde un rigoroso estudo histórico sobre as mesmas”.

“A creación de sinerxias nas que participen os colectivos do Arde Lucus, como os xa existentes de ámbito nacional e incluso internacional, son sempre benvidas, e o Concello estará en todos aqueles actosque permitan crecer e impulsalos”, incidiu.

Pola súa banda, a concelleira de Xuventude de Lugo, Ana González Abelleira, falou da importancia da creación de vínculos de proximidade con outras celebracións, e máis “como neste caso, cando medran cada ano grazas non só ao impulso institucional dos concellos senón ao enorme traballo que desenvolven durante todo o ano os diversos colectivos que participan neles”.

O Oenach Atlántico quere dar a coñecer en toda Galicia o traballo e implicación dos seus veciños e veciñas nun evento xa maduro que conta na súa vixésimo primeira edición con obradoiros e importantes espectáculos musicais, ademais de recreacións teatrais da vida cotiá nos castros e pallozas, actos como o acendido do lume ou a representación de oficios tradicionais (a programación ao completo pode consultarse na web do Concello: http://www.naron.es/web/docs/Oenach-atlantico-2019.pdf). 

Por iso os seus habitantes saen fóra do seu territorio para que o Arde Lucus apoie a súa difusión. Pola súa banda, as asociacións do Arde Lucus traballan xa na décimo novena edición de 2020, a piques de cumplir as dúas décadas de vida, e queren simbolizar a irmandade e acollida doutras festas de menor tamaño pero que teñen detrás un enorme e serio traballo de recuperación e estudo da cultura celto galaica, como é o caso do Oenach Atlántico de Sedes.