A parroquia de Pedroso acollerá esta fin de semana a segunda edición do Mercado ancestral

xoves, 18 de Maio de 2023

A concelleira de Festas e Feiras, Natalia Hermida, presentou a segunda edición do Mercado ancestral de Pedroso acompañada por Flor Felgar e Daniel Fernández, presidenta e vogal, respectivamente, da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña” de Pedroso.

A parroquia de Pedroso acollerá esta fin de semana a segunda edición do Mercado ancestral

A edil naronesa avanzou que se instalarán para a ocasión unha trintena de postos xunto ao local social da Pombiña.

A apertura do Mercado ancestral será este venres, día 19 ás 17.00 horas, se ben as persoas que o desexen poderán achegarse tamén a este mercado ancestral o sábado e o domingo, xornadas nas que os postos abrirán as súas portas de 11.00 a 15.00 e dende as 17.00 ata as 23.00 horas, tal e como avanzaron.

Hermida explicou que haberá preto dunha trintena de postos, algúns deles de alimentación (churrería, panadería, embutidos, doces…) e tamén de comida rápida (taberna, crepería, bolos…) e a maiores outros de venda de diferentes artículos (bisutería, sacos térmicos, roupa, minerais, pezas de ganchillo, xoguetes, incienso…). “Haberá unha gran variedade de propostas para que as persoas que se despracen a Pedroso poidan desfrutar dunha agradable xornada na que adquirir algúns produtos ou degustar algunha das elaboracións que estarán á venda”, apuntou Hermida.

Ao apartado dos postos súmase unha ampla programación deseñada para os tres días, con actuacións de faunos, acrobacias, espectáculos de circo e lume, sesións musicais, xigantes, minotauros e moitas outras propostas para amenizar este Mercado Ancestral.

Para as nenas e nenos tamén haberá varias atraccións infantís instaladas na zona e un recuncho específico no que poderán xogar e participar en varios obradoiros. Outro dos atractivos serán os obradoiros de oficios antigos, como a talla de madeira ou a construción dunha gaita.

A presidenta da Pombiña amosou a vontade de que o evento se vaia consolidando nesta parroquia. Pola súa banda, a edil de Festas e Feiras agradeceu a implicación e colaboración da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña co Concello para organizar este Mercado ancestral e animou ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a achegarse a Pedroso para gozar das variadas propostas do mesmo.