A pista polideportiva de Doso acollerá o sábado unha nova edición da tradicional Recreación da Esfolla

xoves, 10 de Novembro de 2022

A parroquia de Doso acollerá o sábado día 12 a tradicional Recreación da Esfolla, unha cita que terá lugar a partir das 17.00 horas na pista polideportiva.

Veciñas e veciños da parroquia, e tamén chegados doutros concellos acuden en moitos casos vestidos con roupas propias do século XX para contribuír a ambientar esta celebración, cun marcado carácter rural.

A concelleira de Cultura, Olga Ameneiro, presentou hoxe no Concello esta nova edición da Esfolla e agradeceu o traballo e colaboración da AVV “A Naveira” de Doso, a o seu presidente, José Ángel Rodríguez e membros da directiva, excusando a súa presenza hoxe por motivos laborais. A edil de Cultura recordou que o Padroado da Cultura colabora coa Asociación de Veciños “A Naveira” na organización deste evento festivo que se consolidou no tempo para manter viva esta tradición e transmitila ás diferentes xeracións.

 Ás 17.00 horas partirán do rueiro da Braña carros cargados con mazarocas de maínzo cedidas por veciños e veciñas do municipio. Dirixiranse ata a pista polideportiva de Doso, donde á súa chegada serán recibidos polas persoas que acudan á convocatoria e tamén con música, a cargo de grupos das Escolas do Padroado da Cultura de Narón.

Durante a tarde haberá actividades dirixidas a persoas de tódalas idades. Os nenos e nenas poderán asistir a obradoiros de elaboración de bonecos de maínzo e “Bolas da tixola” e mesmo se poderá ver na pista polideportiva a exposición de bonecos de maínzo que os escolares realizaron nas aulas a través dun obradoiro impulsado dende o Padroado da Cultura. A esfolla do maínzo comezará sobre ás 18.00 horas, podendo participar na mesma todas as persoas que o desexen, que tamén poderán anotarse pola tarde no terceiro Campionato de debagado de maínzo. A programación da Recreación da Esfolla inclúe tamén o Concurso de sobremesas, con postres elaborados con produtos de tempada e aberto á participación da cidadanía en xeral. As persoas que desexen participar teñen que anotarse ás 17.00 horas e recibirán un número para concursar cos doces que elaboraron e que valorará un xurado popular, encargado de conceder os premios deste certame.

 A música continuará ás 19.00 horas coa música do grupo “Os do fondo da barra que interpretarán un variado repertorio.