Preto dun centenar de persoas acudiron o pasado día 24 á andaina do programa municipal “Ponte en ruta con nós”

martes, 26 de Abril de 2022

O programa terá continuidade nos meses de maio e xuño, dende o Concello apóstase por fomentar a práctica do deporte ao aire libre, ao mesmo tempo de dar a coñecer o patrimonio histórico, cultural e natural da cidade.

A primeira das andainas da nova edición do programa “Ponte en ruta con nós”, organizado polo Concello a través do Padroado de Deportes, tivo lugar o domingo 24 de abril pola mañá. Preto dun cento de persoas acudiron á convocatoria “Paseando por Narón”, con saída ás 9.30 horas do pavillón polideportivo municipal da Gándara. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, realizou tamén o percorrido, duns doce quilómetros e que discurriu pola zona do Camiño Inglés, as inmediacións do mosteiro do Couto, a rúa Cornido, a zona da Picota e o parque do Couto para regresar de novo ao pavillón da Gándara.

A seguinte convocatoria está programada para o día 29 de maio e consistirá nun percorrido entre a Pena Molexa e o Monte da Lagoa, na zona do Val. As persoas que desexen participar deberán anotarse previamente, os días 23, 24 e 25 de maio, e estar o día da andaina ás 9.15 horas nas inmediacións do Centro Cívico Social do Val, dende donde partirá o percorrido. Nesa ocasión tratarase tamén dun tramo duns doce quilómetros pola Pena Molexa, a Pena Lopesa, o Campo do Avial, e o Monte da Lagoa, entre outros espazos.

 A última das andainas programadas neste ciclo será a da “Ruta dos muíños”, o día 26 de xuño. A saída será ás 9.30 horas dende o mosteiro do Couto, punto tamén donde rematará a ruta, duns 10,5 quilómetros polo tramo comprendido entre o citado cenobio e a área recreativa de Pedroso. Unha vez en Pedroso, os participantes disporán de servizo de autobús que os levará ata o punto de inicio da andaina. As persoas que desexen asistir poderán anotarse os días 17, 20 e 21 de xuño.

O prezo para poder asistir a cada unha das andainas é de 5 euros e as persoas interesadas deberán anotarse os días 18, 19 e 20 de abril nas oficinas do Padroado de Deportes, no pavillón polideportivo municipal da Gándara (estrada da Gándara, 148), de 8.30 a 13.00 horas.