A segunda edición do festival da cultura viaxeira Gulliver Fest organizado polo Concello e a asociación FurgoGalicia aprázase ao ano 2021

venres, 26 de Xuño de 2020

A posposición do festival Gulliver Fest a 2021 será unha medida de seguridade que garanta a celebración do evento con todas as garantías precisas sen ver reducido o seu aforo.

O Concello de Narón e a asociación FurgoGalicia, coorganizadores do Festival da cultura viaxeira Gulliver Fest, acordaron aprazar ao vindeiro ano a segunda edición desta convocatoria, programada na área recreativa de Pedroso e cun gran éxito de acollida na pasada edición. A cita terá lugar os días 6, 7 e 8 de agosto de 2021, na citada ubicación, e manterase o cartel que estaba previsto para este ano e que se apraza con motivo da crise derivada da Covid-19.

As bandas Freedonia, Kumpania Algazarra, La Regadera, Brinkadelia e Shake Soul´n Roll amenizarán o festival do vindeiro ano coa súa música, que combina diferentes estilos. A música, as viaxes, a natureza e os libros son as áreas nas que se centrará un ano máis este festival, que foi pioneiro en Galicia tal e como estivo deseñado dende o seu inicio. Durante tres días sucederanse unha serie de propostas dirixidas a todo tipo de públicos, e actividades nas que tamén poderán participar menores e adultos.

A organización reservará un espazo para poder acampar durante os tres días na área recreativa de Pedroso, cunha zona “camper” habilitada para este fin e na que poderán pernoctar unhas 130 persoas. Na páxina web: www.gulliverfest.es e no Facebook Gulliver Fest ofrecerase a información relativa á vindeira convocatoria nos vindeiros meses. O Concello e a asociación FurgoGalicia incidiron no feito de que “a pesar de que estaba todo organizado para poder celebrar este ano o festival, consideramos que a mellor elección debido á situación na que nos atopamos e como medida de seguridade e prevención é pospoñer esta segunda edición para o vindeiro ano, para gozar desta convocatoria con todas as garantías precisas e sen renunciar a reducir o aforo”.