Últimas visitas guiadas ao muíño de Xuvia abertas á cidadanía antes do inicio dos traballos de musealización

venres, 12 de Maio de 2023

As persoas que o desexen poderán visitar este domingo, día 14, as instalacións do muíño de Xuvia.

Últimas visitas guiadas ao muíño de Xuvia abertas á cidadanía antes do inicio dos traballos de musealización

A convocatoria desta semana pechará o ciclo iniciado o pasado mes de abril para dar a coñecer o resultado dos traballos de musealización das instalacións, recentemente rehabilitadas. A construción permanecerá aberta ao público en horario de mañá e tarde, dende as 10.00 ata as 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

Serán de novo dúas guías de turismo oficiais especializadas as persoas encargadas de acompañar aos grupos de persoas que acudan, ás que lles explicarán a relevancia histórica deste muíño, construído no século XVIII e o proceso en curso de musealización das instalacións, que dará comezo en breve. No exterior das instalacións, a medida que van chegando as persoas visitantes formaranse os grupos que irán entrando por orde. Dentro do muíño recibirán material explicativo dos traballos realizados, poderán ver un vídeo no que se resume a rehabilitacióne posteriormente, comezarán o percorrido polas diferentes estancias, dunha duración aproximada entre vinte e trinta minutos.

A actuación está cofinanciada polo Concello, a Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.