Últimos días para presentar imaxes ao “XI Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

mércores, 23 de Setembro de 2020

As doce imaxes con maior puntuación ilustrarán o calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o ano 2021.

O vindeiro venres, día 25, é o último día para presentar imaxes ao “XI Concurso de Fotografía Cidade de Narón”, segundo recordou a concelleira de Turismo, Natalia Hermida. O certame repartirá tres premios, de 750, 300 e 150 euros entre as tres que reciban a mellor puntuación dun xurado especializado. As bases ao completo deste concurso municipal pódense consultar a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/Bases-XI-Concurso-de-Fotografia-Cidade-de-Naron.pdf e as imaxes deben presentarse no Rexistro do Concello, de luns a venres, entre as 8.30 e as 13.00 horas.

Un dos requisitos da convocatoria é que o lugar ou entorno que apareza na imaxe pertenza ao termo municipal naronés, recoñecéndose como tal. Así mesmo, entre as temáticas sobre as que se poderá elixir están: humana e social –ámbito veciñal, deportivo, industrial, festas populares…-; espazos naturais de interese, de lecer, culturais e tecnolóxicos ou patrimonio monumental, arqueolóxico e etnográfico. O impacto visual, a calidade técnico artística e a creatividade serán os criterios que valorará o xurado.  Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías, en cor ou branco e negro, que deben cumprir todos os requisitos estipulados nas bases desta convocatoria, tal e como recordou a concelleira de Turismo. 

As doce imaxes con maior puntuación ilustrarán o calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o ano 2021.

As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao correo electrónico: am.veiga@naron.es ou chamar ao número de teléfono: 981 337 700 (extensión: 1502).