Últimos días para ver no Pazo da Cultura a mostra coas obras presentadas ao “X Concurso de Pintura Cidade de Narón”

luns, 19 de Novembro de 2018

O Pazo da Cultura acolle ata o vindeiro 23 de novembro a exposición dos traballos presentados á décima edición do Concurso de Pintura Cidade de Narón.

A mostra está formada por un total de 102 obras, entre as categorías Infantil e Xuvenil e de Adultos e pode visitarse no horario de apertura das instalacións, tal e como recordou a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada. “Nesta edición recibimos máis traballos que na anterior, o que constata que este certame de pintura é xa moi coñecido dentro e fóra do noso concello e que cada ano máis xente opta por participar, o que desde o Padroado da Cultura queremos agradecer especialmente”, subliñou.

Do total das obras presentadas, 44 pertencen á categoría de Adultos e os 58 restantes á de Infantil, indicou, incidindo no feito de que “a maiores dos que entregaron veciños e veciñas de Narón e doutros concellos da comarca tamén nos chegaron outras procedentes de Sevilla, Madrid, Valencia, Cantabria e Ponferrada”. 

O fallo do certame darase a coñecer o venres 23, Día de Narón, no transcurso do acto que terá lugar ao mediodía -13.30 horas- nas instalacións do Pazo da Cultura. O certame repartirá un total de 2.850 euros en premios –primeiro, segundo, terceiro e Premio Especial Francisco Criado- e tamén haberá un detalle para os autores das obras presentadas ás categorías Infantil e Xuvenil. Os traballos gañadores do primeiro e o segundo premio pasarán a ser propiedade do Padroado da Cultura e o autor do primeiro terá dereito a unha exposición da súa obra durante 15 días no Pazo da Cultura.