Á venda as entradas para o XXIX Festival Internacional de Folclore que se celebrará o vindeiro sábado no Pazo da Cultura

mércores, 17 de Xullo de 2019

A vixésimo novena edición do Festival Internacional de Folclore celebrarase este sábado, día 20, no Pazo da Cultura. 

Formacións de Galicia, Italia, Perú, Eslovaquia e Uruguay daranse cita neste tradicional evento organizado polo Concello a través do Padroado da Cultura e que dará comezo ás 21.00 horas. As persoas interesadas en asistir poden adquirir as entradas, a un prezo de dous euros, na billeteira do Pazo da Cultura, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. O alcalde accidental e concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, animou ás veciñas e veciños a acudir tanto ao festival da noite como a algunha das tres actuacións que pola mañá, a partir das doce, se programaron nas prazas da Constitución, da Gándara e do colexio de Xuvia, estas últimas abertas á cidadanía en xeral.
    
O Festival Internacional de Folclore de Narón contará coa presencia este ano da Banda de Gaitas do Padroado e do Grupo de Baile Tradicional Alxibeira, tamén do Padroado da Cultura; a Asociación Ri Ualanegli, de Italia; o conxunto folclórico Kincso, de Eslovaquia; a Corporación artística Soy del Perú, de Perú e o Ballet folclórico Aborigen, de Uruguay, tal e como anunciou Sánchez Fojo. 
    
En canto ás actuacións matinais convocadas tamén o sábado 20 e ás 12.00 horas, terán lugar na Praza da Constitución, na Solaina, donde actuarán a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón e o Ballet Folclórico Aborigen, de Uruguay; na Praza da Gándara poderase ver ao conxunto folclórico Kincso, de Eslovaquia, e á compañía artística Soy del Perú, de Perú, e na Praza do colexio de Xuvia ao grupo de Baile tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura e aos integrantes da asociación Ri Ualanegli, de Italia.
    
“O Pazo da Cultura de Narón e tres prazas da cidade acollerán este sábado as actuacións tanto da Banda de Gaitas do Padroado e do grupo Alxibeira como das catro formacións convidadas a esta nova edición do Festival Internacional de Folclore, que representa unha excelente oportunidade para gozar do folclore internacional e tamén do traballo que realizamos en Narón nesa área”, destacou Sánchez Fojo.