Á venda as entradas para o XXVIII Festival Internacional de Folclore que se celebrará o vindeiro 21 de xullo no Pazo da Cultura

xoves, 12 de Xullo de 2018

O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro 21 de xullo unha nova edición do Festival Internacional de Folclore organizado polo Padroado da Cultura de Narón.

A cita alcanza este ano a súa vixésimo oitava edición e participarán na mesma a Banda de Gaitas e o grupo de música e danza tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón, e as agrupacións Maxisterio, de Albacete; Bakalama, de Senegal; Ecos da Montaña, de Daguestán,e CreaDanza, de Colombia. O festival dará comezo ás 21.00 horas e as entradas pódense adquirir xa na billeteira do Pazo da Cultura, a un prezo de dous euros. A concelleira de Cultura, María del Carmen Espada,  animou á veciñanza a acudir tanto ao festival do Pazo como ás representacións programadas na zona urbana. “Un ano máis, este evento será unha excelente oportunidade para desfrutar da música e do baile da Banda de Gaitas do Padroado e de Alxibeira e tamén das outras catro agrupacións coas que contaremos este ano, podendo coñecer así a través do baile e da música unha parte importante da cultura doutros países”, destacou a edil.

A programación do día 21 inclúe, a maiores do festival do Pazo pola noite, tres actuacións máis na zona urbana, nas que participarán as agrupacións –divididas por grupos-. Unha delas está prevista para as 12.00 horas na Praza do colexio de Xuvia e as outras dúas darán comezo ás 12.30, na Praza da Gándara e na Praza da Constitución (A Solaina).

En canto ás agrupacións, a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón está formada por 45 persoas de diferentes idades. No seu repertorio interpretará varios temas, todos eles cun obxectivo común, que é o de salvagardar e difundir a música tradicional galega. É unha das bandas máis antigas da comarca e o seu repertorio é de corte tradicional, con muiñeiras, xotas, mazurcas, alboradas e pasodobres, entre outros estilos, recuperados a través de diversos traballos de investigación. Ademais tocarán temas compostos por novos autores, con temas orixinais con carácter tamén galego. 

O Grupo de Música e danza tradicional Alxibeira, está formado por mozas e mozos de entre 15 e 30 anos. O colectivo traballa tamén na revalorización do folclore e as costumes de Galicia, así como as tradicións, tamén partindo de traballos de investigación en diversas zonas de Galicia. O repertorio de Alxibeira inclúe algúns dos bailes e cancións máis representativos de cada zona. Mostra do mesmo son bailes, cantigas e músicas de aldeas das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.

O grupo de danzas Maxisterio de Albacete fundouse na Universidade de Castela A Mancha. Está formado por medio cento de socios, dos que 15 son músicos e o resto dos corpos técnico e de baile. Nas súas actuacións utilizan instrumentos como a bandurria, o laúd, a guitarra, a viola, percusións tradicionais de cada zona. Seguidillas, xotas, torrás, malagueñas, fandangos e pardicas forman parte do seu repertorio.

Así mesmo, o grupo de danzas Bakalama, de Senegal, amosará ao público as costumes e a cultura Thionck-Essyl. O nome da formación significa “cabaza”, un mago que vive nas vides e simboliza a unidade e a solidariedade. Compoñen o grupo quince artistas, que interpretarán Gambathe, o baile de iniciación dos mozos da tribu Diola; e outros como o Compo, o Mbalia e o Mbindimbio, todos eles característicos de Senegal e moi arraigados na súa cultura.

O conxunto coreográfico Ecos da Montaña, de Daguestán, está formado por un grupo de mozas e mozos que basean o seu repertorio no lezginka, que encarna o espírito marcial patriótico dos pobos das montañas. O seu programa consta de catorce danzas dos pobos de Daguestán e as repúblicas do norte do Cáucaso maioritariamente. Tambores, zurnas, frautas e acordeóns soarán no Pazo da man desta agrupación.

Participa tamén este ano no Festival Internacional de Folclore a Compañía artística CreaDanza, de Colombia, do que forman parte unha nova xeración de bailaríns que traerán a Narón unha nova proposta artística folclórica contemporánea, centrada na danza autóctona de Colombia. A compañía conta cun excelente acompañamento musical en vivo que fará ao público desfrutar coa súa actuación.