Á venda as últimas entradas para asistir á “Festa do Lisco” que se celebrará este sábado en Doso

venres, 5 de Maio de 2017

A "Festa do Lisco" terá lugar na pista polideportiva da parroquia o sábado 6 de maio.

A Concellería de Festas de Narón, dirixida pola edil Mar Gómez, e a AVV A Naveira, de Doso, organizan un ano máis a “Festa do lisco”. A cita programouse para este sábado, 6 de maio, baixo unha carpa climatizada que se instalará para a ocasión na pista polideportiva da parroquia, e dará comezo sobre as 22.00 horas.

As persoas interesadas en asistir á degustación gastronómica poden adquirir aínda as súas entradas no local social de Doso ou, no caso de que queden algunhas, o propio sábado na pista polideportiva. Desde a organización indicaron que xa está confirmada a asistencia dunhas 150 persoas e indicaron que a carpa ten capacidade para algo máis de 200 comensais.

O menú será a base de paella, liscos á brasa, pan, cachelos, bebidas, café, bola e queimada. O prezo é de 14 euros para os socios da AVV A Naveira e de 18 euros para o resto de asistentes.

O dúo musical D´Ases será o encargado do apartado musical, amenizando esta nova edición da “Festa do lisco” en Doso.