A “XI Xornada Moteira Solidaria” e o “Rock Narón” completan a programación de Nadal durante esta fin de semana na cidade

mércores, 18 de Decembro de 2019

Súmanse aos eventos xa programados para os próximos días a chegada de Papá Noel na moto e os tres concertos que amenizarán a vegada do Rock Narón.

As edís de Festas e Benestar Social, Natalia Hermida e Catalina García, respectivamente, presentaron esta mañá xunto con José Antonio López Quintián, presidente do Moto Club Fojeteiros, dous dos actos enmarcados no programa Narón Nadal 2019 que terán lugar este mesmo sábado. Unha das propostas dirixidas á veciñanza será unha nova edición, a undécima, da Xornada Moteira Solidaria, e outra o festival Rock Narón. As edís naronesas animaron á cidadanía a gozar destas dúas citas e tamén doutras múltiples propostas do programa Narón Nadal 2019 que se sucederán esta fin de semana.

A “XI Xornada Moteira Solidaria”, organizada co Moto Club Fojeteiros, dará comezo ás 16.30 horas, cando partirá da Praza de Galicia un grupo de moteiros e moteiras que irán a buscar a Papá Noel pola estrada de Castela –percorrendo Santa Icía, A Gándara, O Alto e Xuvia-, que a partir das 17.30 horas recibirá aos nenos e nenas. Papá Noel virá tamén nunha das motos, acompañado dunha comitiva que se reunirá na Praza de Galicia. Os moteiros e moteiras que acudan con roupas ou elementos ornamentais propios do Nadal recibirán unha consumición de balde e aquelas persoas que entreguen un quilo de alimentos non perecedoiros ou un xoguete, para doar ao Centro de Recursos Solidarios de Narón –tamén se poderá entregar roupa-, serán convidados a un chocolate, tal e como indicou López Quintián, que agradeceu a colaboración do Concello.

Ás 22.00 horas comezará na Praza de Galicia “Rock Narón”, unha das citas tradicionais en Narón que se desenvolverá baixo unha gran carpa instalada na Praza de Galicia. A entrada é de balde e actuarán os grupos Alma de Piedra, Black Jack e Claxxon.

A fin de semana inclúe a maiores o Concerto de Nadal Solidarium, a partir das 12.30 horas no Auditorio municipal e no que actuarán o Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos, o Coro Da Capo Solidarium do Concello de Narón e o Coro Peque Solidarium do Concello de Narón. Para asistir deberanse coller as invitacións que se entregarán na billeteira do Auditorio a partir das 11.30 horas. Esta proposta terá tamén un fin solidario e recolleranse alimentos non perecedoiros para entregar ao Centro de Recursos Solidarios.

No referente ás propostas do Pazo da Cultura, haberá espectáculos dende o venres ata o domingo. A primeira cita, o venres, será con “El Pekemusical de Navidad”, da compañía Tertulia Producciones e que comezará ás 18.00 horas. O sábado 21 terá lugar o concerto de presentación de “Noró”, o novo traballo de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, ás 20.00 horas e o domingo 22 ás 19.00 un concerto de música góspel con The Mississippi Mass Choir. As entradas para cada un dos espectáculos poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.

Entre a programación municipal tamén continuarán os obradoiros de “Prazas Vivas”, este venres en Xuvia, no paseo marítimo (ou no Centro Cívico Social en caso de mal tempo) e o sábado en Freixeiro, no parque do río (en caso de choiva no Centro Cívico do barrio). En ambos casos as actividades –obradoiros de graffiti, de chapas, globoflexia, pintacaras, decoración de carrozas da Cabalgata Solidaria…- serán de 16.30 a 18.30 e diríxense ao público en xeral.

Na xornada de mañá xoves entre as 17.30 e as 20.00 horas terá lugar o obradoiro “Imos cantar o Nadal”, na Biblioteca Municipal, con nenas e nenos a partir de 4 anos e que participarán en obradoiros de recuperación dos cantos de Nadal e Reis e construción de instrumentos para, finalmente, pedir o aguinaldo por establecementos da zona. Outro obradoiro, “Non quedes na casa no Nadal” comezará o sábado na Casa da Mocidade, na Gándara, con obradoiros para mozas e mozos de 13 a 18 anos. En ambos casos é necesaria inscrición previa.